Opinión

Termalismo e...

Sigo con interesada expectación as novas que cada cando se van xerando arredor do plan "Ourense, provincia termal" que de xeito tan persoal (cousa que evidentemente aplaudo, debo dicir de paso) decidiron liderar dous ourensáns como son o presidente da Xunta e o presidente da Deputación.

Logo da súa presentación teórica a cargo do redactor do proxecto, o arquitecto chairego-coruñés, Mario Crecente, alá polos primeiros días do mes de febreiro, no Teatro Principal, a vila termal do Carballiño serviu de axeitado solar para a sinatura do acordo de execución dos primeiros pasos prácticos cos que o devandito plan deberá comezar a andar para non quedar -coma tantos outros- esquecido nun andel institucional no que tantas e tantas ideas e proxectos acaban transformados en documentos "tombos", tanto pola oxidación das súas páxinas no silencio como pola súa posición de arquivo, é dicir, tumbados coma os vellos códices.

E digo que sigo con interesada expectación estes primeiros andares da criatura termal porque -aínda que non sexa politicamente correcto dicilo nos arroutados tempos que corren- os tres actores principais da causa que acabo de nomear son xente que na cercanía me inspira confianza e ademais creo sinceramente que o potencial termal de Ourense -igual que o camiño de Santiago para Compostela- é o único recurso turístico con auténtica capacidade internacionalizadora da nosa oferta e o único, polo tanto, que será quen de atraer a un numeroso fluxo de visitantes foráneos ós que logo poidan sacarlle proveito outros moitos recursos -e, polo tanto, territorios- con menos capacidade de atracción exterior pero non con menos atractivo turístico, como poden ser aquelas localidades cuxos recursos teñen máis que ver fundamentalmente co turismo cultural ou de natureza, como poden ser a miña terra de Celanova ou as de Allariz, no primeiro dos casos, ou a profunda gorxa da Ribeira Sacra, a serra de Manzaneda ou a raia seca do Leboreiro e do Xurés no segundo caso.

É por iso polo que denomino a miña expectación como "interesada". E non tanto porque eu teña algún interese especial no asunto, canto porque creo que non interesarse en definir o papel de todo ese potencial cultural e natural -tan descoñecido para o turismo internacional como complementario para a oferta termal- sería cometer un erro de fondo calado capaz incluso de facer naufragar a millonaria aposta.

E, se ben é certo que 1.130 páxinas non son doadas de ler, pois polas miñas contas ocuparían unhas 37 horas de lectura, dáme -polo que nelas vin- que quedan cousas por decidir para que o plan non se esqueza de territorios que teñen moito que dicir no futuro do turismo de Ourense. Aínda que non é menos certo que, ó andaren nos primeiros pasos, aínda están a tempo.

Te puede interesar