Opinión

Territorios creativos

Andamos estes días a reflexionar sobre ese concepto postmoderno que ten sido dado en chamar "territorios creativos", ó fío do cal eu me teño preguntado se poderiamos afirmar sen medo ningún a cometer un erro, se debemos considerar a Ourense como un "territorio creativo".

Baste dicir, para empezar, que un territorio non é de seu creativo na propia acepción do adxectivo, a non ser que o consideremos dende a perspectiva natural e entendamos por territorio creativo aquel que acostuma a dar froitos abondosos, poñamos por caso os bacelos do Ribeiro, da Ribeira Sacra, de Monterrei ou mesmo de Valdeorras.

Outra cousa ben diferente é se derivamos o concepto á creatividade intrínseca das súas xentes e nos colocamo no plano da fertilidade intelectual do pobo ourensán, que nun principio non ten por qué ser máis ou menos creativo ca un pontevedrés, ca un coruñés ou ca un lugués ou lucense.

Ora ben, se nos colocamos en actitude reflexiva, tal como está colocado o pensador de Rodín, e comezamos a mirar para atrás no tempo, é certo que existen condicionantes sociais, políticos, económicos e doutro tipo calquera que si poden influír no asunto, do mesmo xeito que inflúe no noso subconsciente colectivo o feito de ser a única provincia galega que non ten mar, a única provincia galega que ten continuidade territorial con Portugal, a única provincia galega que non ten representación de facto na Real Academia, a única provincia galega, en fin, en tantas e tantas cousas.

Unha vez, hai xa máis dunha década, un emigrante coruñés radicado dende que era moi novo en Nueva York, díxome, nas instalacións do Centro Orensano de Newark, "eu son coruñés de nación, pero de corazón son ourensán, porque os ourensáns sodes máis nobres".

É certo que a xeneralización aboca a un de contado ó pozo negro da equivocación. Pero seguro que tamén estará comigo e que, cando o río -poderiamos dicir, o Miño- sona é que auga leva...

Resumamos, polo tanto, é Ourense un territorio creativo? Pois eu, sinceramente, creo que si, xa que logo, sen esa creatividade demostrada en tantos e tantos sectores, empresariais, profesionais, artísticos, culturais, literarios..., non teriamos sido quen de superar eses condicionantes engadidos ós que acabo de facer referencia.

Por que non estamos, entón, -debería preguntarme de contado- instalados no primeiro lugar da grella de saída ou no "top" dos índices que sinalan o posicionamento social, cultural e económico?

Pois, porque, malia esa creatividade que alumeou nomes propios ó mundo como Eduardo Barreiros, Euloxio Gómez Franqueira, Adolfo Domínguez, Manuel Curros Enríquez, Otero Pedrayo e tantos outros, resulta que con demasiada frecuencia –e dáme pena comprobalo case cada día- temos nacido sen o xen que nos activa o mecanismo que nos fai crermos en nós mesmos.

Te puede interesar