Opinión

Toca o pandeiro, Amancio

Por desgracia estamos demasiado afeitos a ver nos medios de comunicación como de cando en vez asoman informacións ou noticias-denuncia nas que o redactor ou directamente o lector fan chegar ó informativo a súa queixa porque este ou aquel monumento urbano apareceu pintado con chamativo titanlux, amputado dalgún membro (onte vin unha información de catro pezas no Grove, que foron decapitadas) ou, no peor dos casos, directamente derrubado no chan, por esta ou por aquela -incluso nalgúns casos, por ningunha- pretendida razón.

Hai xentes que deben pensar que estragando un ben público conseguen realizárense como persoas ou, os máis transcendentes, poden seren quen de iniciar, cando menos, unha revolución. En fin. Xa o di o dito popular: Hai xente para todo na vida!

Fronte a iso, afortunadamente, a física creou a lei da palanca e do contrapeso, polo que dun tempo a esta parte é común o costume de instalar reproduccións figurativas de persoeiros máis ou menos populares que, deseñados nunha dimensión humana, mestúranse coa poboación, xa sexa sentados nun banco, tomando un café, ollando para un determinado lugar ou, simplemente, lendo un libro, e que teñen sido adoptados polo turismo máis receptivo como verdadeiros iconos desta vila ou daquela cidade.

Incluso os que estivemos en Celanova nantronte testemuñamos que hai monumentos que o seu creador maxina cunha determinada función e logo o tempo, a xente e as circunstancias acábanlle atopando funcións complementarias que, ben entendidas, enriquecerán o seu carácter representativo e divulgador.

Velaí a nova función que o pasado sábado lle deu Amancio Prada ó monumento do seu vello amigo, Celso Emilio Ferreiro, cando ó contar un episodio protagonizado por ámbolos dous, o poeta celanovés lle dixo que se puxera diante del e comezou a interpretar unha pandeirada facendo a percusión nas costas de Amancio para acompañar a canción.

Nantronte, para agradable sorpresa de propios e estraños, Amancio fixo ó revés e colocándose por tras do monumento comezou a bater harmonicamente sobre o bronce de Celso Emilio acompañando así unha das moitas coplas populares que o poeta lle deu.

Cando falei con Acisclo, o autor de tan singular peza escultórica, estaba plenamente feliz porque Amancio fora quen de transformar o "seu" monumento nun instrumento musical tan popular coma o pandeiro.

"Haberá que espremer os miolos -veume a dicir- porque dende hoxe, Celso Emilio colle unha nova dimensión".

E, velaí que teremos que facelo. Tempo haberá… Porque Celanova ben merece que a triloxía formada por Amancio, Acisclo e Celso Emilio quede instalada como icono da vila, a través dunha caixa de resonancia tan nosa como é o pandeiro.

Te puede interesar