Opinión

Todos enfermos

Non sei se será debido á hiperradiación informativa á que nos vemos en permanente exposición ou pola uniformidade temática (que tamén é un xeito de desinformación) que os medios transmiten -si, xa sei que con enfoques diferentes, pero uniformidade á fin e ó cabo- que me dá a sensación, cada vez máis reforzada, de que vivimos mergullados nun estado de permanente distorsión.

A modo de exemplo vou incluír dous casos que poden evidenciar con clarividencia o que digo.

Hai tan só dúas semanas, a sobreexposición informativa á que foi sometida a auxiliar de clínica de Becerreá, Teresa Romero (unha entre corenta e cinco millóns), chegou a ser de tal calibre que, de ter durado algo máis a incerteza na corentena, houbera chegado un momento no que, por emisión radiactiva das mensaxes encadeadas de xornais, emisoras de radio, canles de televisión, twitts, facebooks, blogs e diarios dixitais, todos acabariamos somaticamente enfermos de ébola. A noticia estaba tan imbricada en cada minuto de nós que mesmo sentiamos o cadente pitido do monitor das súas constantes vitais, coma -repito- se cada quen tivésemos inoculado o seu virus mortífero.

Mentres, na comarca catalá do Vallés sucedéronse ata dez mortes por lexionela e se vostede fai nestes intres unha enquisa entre dez persoas do entorno no que se atope, estou seguro de que non máis de dúas lle contestarían afirmativamente ó coñecemento de tal información.

Por outra banda, dende que Javier de Burgos debuxou no mapa unha manchea de liñas, España está formada por 52 provincias das que ó acontecer cotián de tan só 4 (¡4 de 52!) levan mediatizado informativamente tanto o noso día a día, que por veces semella sermos todos cataláns no canto de galegos, vascos, asturianos...

Pois ben, do mesmo xeito (e non vou ser eu quen defenda que non se teña que saber todo), toda a cegueira que durante tantos anos padecemos respecto da corrupción nas institucións, dáme a min que encara agora unha perigosa devala que nos vai levar e ver -en quen teñamos enfronte- a un delincuente no canto dun interlocutor. E isto, sinceramente, creo que non é bo.

É certo que este país precisa unha catarse. Pero, probablemente dentro dun orden, porque a clase política non baixou de Marte, senón que naceu en berces semellantes a nós.

E, de non ser así, o máis probable é que entón si que acaben aterrando salvapatrias de Saturno, Urano ou Plutón. A historia contemporánea está chea exemplos. Queirámolos ver ou non.

Te puede interesar