Opinión

Tornando auga da terra seca

Dado que onde aconteceu foi en Valencia, alí onde as augas son tan importantes para a horta e para a economía cotiá dos seus habitantes que ata contan de vello cun tribunal que imparte xustiza sobre elas, véuseme a min o símil que reproducirei de contado e co que tratarei de analizar  con certa profundidade a situación de cega hipocrisía na que vivimos enleados tamén de vello os habitantes desta Europa tan prepotente como desagradecida co lento paso da historia.

Era o que tocaba. E como era o que tocaba, porque as oportunidades -e máis en política-, xa o di o vello adaxio, píntanas calvas, sinceramente non me sorprendeu o circo mediático que se montou arredor da chegada ó peirao valenciano da frotiña liderada por ese barco con nome de ópera-rock e máis de seis centos inmigrantes (descoñezo por que agora lles deixaron de chamar así) agardando neles o atraque na terra prometida.

Que non me sorprendera, non quere dicir, sen embargo, que compartira o esaxerado dispositivo de recepción (case catro tres profesionais e corpos de seguridade para cada navegante) que foi montado co fin de dicirlle ó mundo o bos e solidarios que somos cando nos goberna alguén "guay" coma Pedro Sánchez, pois, como era de agardar, pronto chegaría a realidade para amosarnos a súa cara fea e informarnos de que mentres dous mil e pico voluntarios e funcionarios atendían a seis centos en Valencia, un pouco máis ó sur tomara terra o dobre de xente contando no seu caso con pouco máis de dúas ducias de "comité de recepción".

Non quero dicir, nin moito menos, que estea en contra da acollida, incluso cando outros países de Europa se rin de nós ou nos miran con reparos por acollelos. Ninguén cun mínimo de sensibilidade que lle corra polas veas pode estar en contra diso. Deus me libre...!

Ora ben, estando como estamos en máis de media España e tamén en media Europa, implorando por solucionar o grave problema demográfico que nos aboca cara o abismo, continúo sen entender como as mentes privilexiadas que nos gobernan non son quen de establecer unha política común e decidida de acollemento na orixe, de forma que toda a man de obra que precisamos chegue a antiga e culta Europa organizada e correctamente proporcionada.

Será tan difícil? Pregunto...

En canto, eu non deixo de ver a Europa coma se fose unha inmensa finca completamente seca, cara a que se dirixe unha monumental levada por infinidade de regos, e a nós, desesperados, tornando nela, non vaia ser que se nos inunden as poucas árbores que nos quedan, cada vez con menos froitos porque non teñen de onde zugar a auga que lles garante a vida.

Te puede interesar