Opinión

Tractoradas de onte e de hoxe

Leo na prensa do día que representantes da clase política galega do ámbito próximo ó sindicalismo agrario galego participaron nantronte nunha tractorada que seica foi convocada en Bruxelas, disque "contra o fin das cotas lácteas e a falta de garantías para os gandeiros de que vaian cobrar un prezo xusto polo leite a partir de hoxe".

Así rezaba, alo menos, parte da peza informativa que reparou a miña atención e que me trasladou de súpeto a mediados da década dos anos 80, cando a empresa "Iberolacto" era aínda o centro de referencia dunha espallada tea de araña que abranguía practicamente sen excepción tódolos pobos das terras de Celanova e de Baixa Limia e a onde viñan parar -do mesmo xeito cós ríos van dar ó mar- os centos de milleiros de litros de leite que por aquí e por acolá ían dando cada mañá os milleiros de vacas que aínda pacían nos verdes eidos que circundaban as aldeas.

Leo isto e lembro tamén algunha que outra xuntanza previa nos mercados da miña vila, con representantes sindicais a golpe de megáfono dicíndolles ós labregos e os gandeiros que tiveran tino á hora de anotar os litros de leite que as súas vacas producían cada día e ó fío diso, lembro así mesmo cómo foi que creceu o mito entre o sector, de que aquelas declaracións non tiñan outro fin ca un fin impositivo que fixo que moitos deles declararan menos cantidade da que certamente producían e cando a cada un deles lle notificaron a cuota que lles correspondía resulta que lle sobraban vacas -ou tetos ás vacas- baixo risco de -logo si- seren obxecto de multas coercitivas.

Como lembro tamén andar á fuxida por algunhas pistas de terra para poder ir a Ourense, unha vez -penso que con motivo do peche de Iberolacto- que cos tractores cercaron literalmente a miña vila.

É dicir, lembro tractoradas de onte contra a imposición das cotas por poñerlle límites á producción gandeira, decisión que acabou -entre outras cousas- coa cabana vacún destas terras e cunha actividade económica que mantiña aínda vida propia nas aldeas.

Por iso e aínda dende o descoñecemento da letra pequena do que supón agora liberalizar o sector desa pexa normativa que lle puña límites á producción leiteira e que tanto dano lle fixo -que eu saiba- á gandería vacún galega, atrévome a escribir aquí que non entendo por qué se organizan agora tractoradas de hoxe contra esa medida liberalizadora e tan denostada cando foi imposta a mediados dos 80.

É certo que as grandes industrias lácteas farán o posible por aproveitar a situación e axustaren os prezos á baixa, pero non é menos certo que de súpeto ábrese de novo ó mercado un sector económico sobre o que a administración poderá incidir para volver "pintar" de verde os milleiros de ermos predios que hoxe por hoxe comen literalmente as aldeas.

Te puede interesar