Opinión

Que tráxica ironía!

Estou seguro de que se lle pregunto, benquerido lector, que faga un exercicio mental de lembranza do sinistro camión húngaro estacionado nunha autoestrada austríaca e do que xa se desvelou que transportaba en total 71 cadáveres en descomposición doutros tantos cidadáns sirios, viralle de súpeto a imaxe dun camión frigorífico coma tantos e tantos cos que nos cruzamos a cotío polas nosas estradas. É dicir, un camión de transporte de productos perecedeiros, sen máis, se non fose porque no seu interior levaba un cargamento "producido" polo máis execrable dos oficios que ó longo da historia foi quen de "inventar" a condición humana: A trata de seres humanos.

Pois ben, igual que fixo vostede -porque ninguén que teña un fío de conciencia pode permanecer alleo a esta continua traxedia- eu tamén reparei no camión. E despois de reparar nel e decatarme de que a marca comercial que presuntamente transportaba tiña como logotipo a imaxe dun polo, quixen ir un pouco máis alá e tratei de traducir o texto que levaba estampado nunha das súas portas traseiras e que no seu idioma orixinal puña o seguinte: " Chutìm tak dobre, pretoze som krmene tak dobre".

Evidentemente, nin coñecía o idioma e moito menos sabía o que isto quería dicir, polo que botei man do traductor do "google" e, letra por letra, baixo a pestaña da lingua húngara reproducín o que logrei ler na foto. Nun suspiro, o dilixente traductor detectoume o texto como eslovaco e alumeoume a seguinte mensaxe: "Sei tan ben porque me daban de comer tan ben".

Fóra do contexto, entendo eu que o reclamo comercial ben a querer dicir algo así como que a carne do polo "Hyza" -que así se chama a marca comercial que o camión transportaba-, "sabe tan ben" porque os polos son alimentados tamén, "tan ben".

Fixen este exercicio por simple curiosidade informativa, pero o resultado da miña curiosidade non fixo, senón, exponenciar o meu sentimento de inquina contra esas xentes desalmadas que son capaces de, en pleno século XXI, condenar ducias de persoas -coma nunha versión motorizada da maís cruel das cámaras de gas nazis- a unha morte segura polas mesmas trinta moedas polas que Xudas traizoou ó seu mestre.

Que tráxica ironía! Absolutamente nada levamos aprendido da historia!

Pobres de nós, os europeos. Formamos parte dunha sociedade privilexiada pero suicida, pois gracias ó estado do benestar dentro dunhas décadas só formarán parte dela vellos -con moi boa saúde, é certo, pero sen futuro-, mentres unha sociedade nova e esfameada está disposta a morrer por ocupar o noso lugar... E pensamos que o imos solucionar cunhas simples vallas!

Te puede interesar