Opinión

Turismo cultural

Leo, termando un fío de esperanza nunha man e un sedeño de escepticismo na outra -permíteme exemplificalo así, benquerido presidente-, o teu anuncio de nantronte respecto da aprobación da nova estratexia de turismo que persegue o obxectivo de conseguir que se acheguen a Galicia 6 millóns de turistas dentro de tres anos.

Dou por boa a túa predición porque me tes dado mostras do valor que ten a túa palabra e por esa razón tentarei soltar lastre da man que terma do sedeño e procurarei ir collendo cabo da que turra do fío de esperanza, malia que os antecedentes non sexan capaces de soster os alicerces da boa nova que predicas.

Permíteme, primeiro, contarche unha anécdota da que fun participe hai un par de anos, a pouco de rematar o anterior mandato municipal e de que fosen elixidos as corporacións actuais. Foi nun foro de turismo no que participaban representantes municipais do norte e do sur, da costa e do interior das catro provincias galegas e no que tamén estaba eu presente.

Cando alguén sacou a colación a palabra "aeroporto", de súpeto os da cornixa cantábrica e os das rías baixas ensarilláronse nunha cansina e absurda lea sobre os tres aeroportos, que os que vivimos no interior de Galicia -o gran ausente- comezamos a mirarmos uns para outros cos ollos coma pratos, ata que nun momento erguín a man e díxenlles que ós de Celanova e ós do resto da provincia de Ourense, aquel debate -repito, absurdo- quedábanos certamente lonxe e dado o estado primixenio -ou primitivo- no que nos atopamos no tocante ó desenvolvemento turístico só con conseguir os que se acheguen a nós en coche, xa nos dabamos por contentos.

Loxicamente, alí rematou a liorta sobre Peinador, Lavacolla e Alvedro e xurdiu un debate sobre asuntos máis mundanos para podermos participar os lugares dese bosque inanimado que cada vez con máis foresta constitúe a Galicia de alén dos 50 km da costa.

Esa Galicia máxica que aínda está virxe no tocante á explotación turística e que, polo tanto, aínda ten a capacidade de sorprender e de namorar ó turista ata o punto de conseguir facer del un difusor do territorio. Capacidade que xa non teñen outros lugares profusamente queimados urbanisticamente pero que, sen embargo, continúan a seren os referentes e os receptores dos grandes investimentos para un turismo de praia que nunca competiu nin xamais competirá con lugares máis cálidos cós nosos.

No anuncio da estratexia falaches de ecoturismo, do turismo nos Parques Naturais, dos miradoiros e mesmo dos cascos históricos das vilas galegas. Non lin nada, sen embargo, do turismo cultural, respecto do cal -se me permites un consello- deberías crear un departamento propio con xente que non mirre o bico cando lles falas de conceptos como "turismo literario", "arqueoloxía experimental" ou “reproduccións arqueolóxicas”, que en moitos casos levan décadas dándolles de comer por aí adiante a poboacións enteiras.

Te puede interesar