Opinión

Turismo cultural

Que o turismo cultural con letras maiúsculas sexa obxecto de portada deste xornal é unha noticia que a min particularmente xérame un abondoso caudal de satisfacción (lembran aquel "me llena de orgullo y satisfacción" real? Pois iso) polo moito tempo que levo insistindo en que o noso patrimonio cultural ten que deixar de ser enerxía potencial -é dicir, un encoro sen turbinas- e ten que pasar de contado a ser enerxía cinética -é dicir, aquela que crea recursos económicos- xerando economía do mesmo xeito que a xeran tódolos encoros da provincia.

Hoxe -onte, para vostede- foi así, porque a aposta expositiva da Deputación provincial sobre o tempo dos suevos é do suficiente calado cultural que se pode levar a unha feira tan inmensa como é Fitur, sabendo que o que se está levando é un producto único que calquera promotor turístico vai encontrar en Ourense e non o vai encontrar en ningún outro sitio.

Xa o teño escrito noutras ocasións, pero non me custa nadiña repetilo. Noraboa, pois, ós mentores do proxecto e noraboa tamén os promotores económicos do mesmo. Igual que no seu momento a historia de Ourense viviu un antes e un despois do paso dos dous Martiños pola nosa cronoloxía, estou seguro de que o denominado -aínda que polo de agora pouco valorado- turismo cultural tamén ha vivir un antes e un despois desta exposición que tanta xente está visitando.
Ora ben, como sempre ten que haber un día e unha noite, un branco e un negro, un yin e un yang, en fin, un positivo e un negativo, do mesmo xeito que a  poderosa presencia da exposición provoca repartir flores polas alfombras da feira, noutra nova leo o envés no que neste caso os responsables turísticos da administración autonómica colocan á miña terra de nación, poñamos por caso, as terras de Celanova e da Baixa Limia, ou, como temos vido acuñando dende hai uns anos, as terras de Rosendo, pois foi nelas fundamentalmente onde o bispo continuador das propostas iniciáticas de Martiño de Dume, depositou o seu milenario legado histórico, á altura patrimonial de calquera outro recurso turístico-cultural galego.

Leo -con expectación, é certo- que a directora da axencia galega de turismo presentou tamén un programa denominado "Ruta dos mosteiros" ligada ó proxecto dos trens turísticos que tan ben teñen funcionado nos últimos anos.

Pero a expectación caeume coma a alma ós pés cando lin que os mosteiros que formarán parte desa ruta en Ourense, serán Oseira e a Veracruz do Carballiño.

Entón dixen para min, dáme que como a súa terra de nacencia está ó norte do río Miño, considera que a fronteira de Galicia sigue en todo o seu curso marcada polo río. E ogallá fose así. Cando menos na valorización dos nosos recursos turísticos outro galo nos cantaría se fose Portugal o que rexera os nosos destinos.

Te puede interesar