Opinión

Un abrazo

Da Garda Civil da miña infancia, gardo eu algunhas postais na memoria que axudaron a facer en min un retrato robot que non colocaría na miña casa para adorno da sala.
De todas elas, son dúas as que se manteñen especialmente alampadas, por máis que chegaran a min por distintos rexistros sensitivos cando andaba aínda en pantalón curto e coas pernas esfoladas.

A primeira delas ten espazo cronolóxico nos afastados tempos da guerra e contouma, fachendoso, en máis dunha ocasión meu avó Enrique.
Resulta que nun permiso que lle deron cando estaba en Burgos, unhas semanas antes de rematar o fratricidio, meu avó, feliz, veu para o seu casal daquela, a mesma casa dende a que hoxe mesmo escribo.

Tan pronto chegou, non fixo outra cousa ca retomar a vida cotián, que era a de mercar ovellas, polas aldeas e polas feiras, con destino á producción de carne. E por aldeas e feiras andou ata que chegou o día no que tiña que se reincorporar. Pero, mire por onde que no medio chegou o desexado 1 de abril, que o levou a tomar a decisión persoal de quedar na casa, ata que unhas semanas despois acabouno detendo a Garda Civil nun mercado de Celanova con máis dun cento de cabezas de gando á fronte, polo que para poder incautarse del tiveron que procurarlle tamén "parada e fonda" ó rabaño.

Estivo dous ou tres días no calabozo e como as reses tiñan que comer, a propia Garda Civil encargouse de sacar o gando ó campo. Daquela meu avó decatouse de que cando o detiveron non contaron o rabaño e denantes de que o trasladaran á estación para reenvialo a Burgos lle entregaron o gando a un dos seus socios, el pediu que se fixera un reconto e aseguroulles que no rabaño chegaran unhas quince ou vinte cabezas máis que ó final acabaron aboándollas. Unha pequena victoria de David contra Goliat que el sempre levou con el a gala.

A segunda é certamente máis triste e escabrosa e resúmese na testemuña dunha labazada que eu vin como lla arreou un cabo da garda civil a un mozo portugués, acusándoo de roubar unha bicicleta e que despois resultou non ser certo.
Eran tempos dunha Garda Civil tricorniada, que máis ca respecto inspiraba medo entre grandes e pequenos, víctimas e reos. Era a viva estampa dunha España que se foi polo aliviadoiro da historia.

Lembrei estes dous episodios o pasado mércores cando ollei, na foto de portada deste xornal, o abrazo desestresante que se daban os mandos e os investigadores do caso da moza madrileña, logo de ter detido ó autor de tan terrible crime.
"Como mudaron as cousas! -exclamei para os meus adentros- Nantronte bafexaban medo, cando non terror. Hoxe inspiran tranquilidade, respecto e admiración por tantos e tantos valores que entrañan”.

Te puede interesar