Opinión

Un coche e un avión

Era loiro e debía andar, mes enriba mes embaixo, contando a ducia de aniversarios. Ou, se cadra, un pouco máis. Un xa  non sabe calcular moi ben... Viaxaba na fila posterior á miña e volvía -é de supoñer- de pasar uns días de ocio en Londres. As conversas tópicas de pais e nais con fillos novos á hora de colocar os pertrechos e de se ubicaren no pasillo, no centro ou na xanela, desvelaban no rapaz unha educación correcta, iso si, moi concentrado nos dispositivos informáticos.

Falaban castelán, pero eran de aquí, aínda non sabería axustar no mapa a súa procedencia.

"¿Mamá, tu teléfono todavía tiene batería...? ¿Y la tablet, papa?" "La del teléfono está agotada y la de la tablet, también, pero juega con la DS..."

Así transcorreu o embarque, entrando logo a familia -que tamén levaba con eles unha nena un pouco maior- nun silencio común ó do resto da pasaxe, cousa non moi común nos voos da compañía irlandesa na que todos renegamos por voar, pero acaba sendo a que máis collemos.

Supoño que a DS tiña batería abondo e rapaz puxo o resto para entreterse que non lle escoitei -ou, polo menos, non reparei- unha palabra máis alta cá outra, polo que xa o tiña esquecido da miña memoria, cando, sobrevoando xa Galicia, á altura das Pontes de García Rodríguez e do lago artificial máis grande -creo- de España, logo de que un pequeno descenso inesperado do avión, semellante os que esparexen a un nos cambios de rasante as montañas rusas, nos sacudira a todos, o rapaz debeu deixar a un lado a tecnoloxía virtual e a cavilar na tecnoloxía real -esa que a dinámica de fluídos fai que os avións se sosteñan no aire- ata onde lle daban as entendedeiras e de súpeto, sen mediar conversa previa, preguntoulle ó seu pai: "¿Papá, que corre más, un coche o un avión?"

Ou ben o pai non se entusiasmou moito coa resposta ou lla deu pola calada, que eu non alcancei a escoitar ben o que lle dixo. Se cadra foi iso ou se cadra foi que a reflexión que a min me provocou a pregunta me fixo desconectar da súa conversa e, polo tanto, non alcanzo a reproducila agora.

O caso é que, logo de saber o equipado que o neno viña, con toda a tecnoloxía de ocio que se podía ter, e que a maioría dos xogos levan o preconcepto da velocidade implícita, a min e o meu acompañante -enxeñeiro de telecomunicacións e profesor universitario- chamounos sobremaneira a ignorancia do rapaz e levounos a manter, en remuíño, unha conversa sobre o asunto.

¿Pero, que lle ensinan ós nenos na escola? Preguntei eu de forma retórica. Resulta que o neno debía sabelo todo dos dispositivos informáticos, probablemente cansou os pés entre as efixies exipcias do British Museum ou en Legolandia, pero descoñecía a realidade física comparativa… Entón, dixen eu para min: E non estaremos poñendo o carro diante dos bois? Pregunto!

Te puede interesar