Opinión

Un cura de Brooklyn

Coñecino hoxe pola mañá -onte, para vostede- no parque arqueolóxico da cultura castrexa de San Cibrán de Las. Vai alá para 61 anos que profesa o sacerdocio, 56 dos cales nos Estados Unidos de América -o Norte para nós-, en moi diversas facetas e dende o ano 1982 co recoñecemento gradual de monseñor.

Miúdo de formas e inmensamente afable de xeitos, presentáronnos, saudámonos e quedamos de falar pola rede, porque o tempo que tiñamos non daba para moito máis. Xantamos en mesas diferentes e iso axudou a que adiaramos a nosa conversa, xa que logo, aínda tiña que ir visitar a unha irmá, despedirse duns familiares, "deixar o coche en Vigo" e coller "os avións" para poder estar ó día seguinte en Brooklyn, onde, dende o ano 2008 exerce de membro do consello presbiterial na igrexa de Santa Teresa no "Woodside" neoyorkino.

Por se non se decatou, sublíñollo. Botando contas ó chou -pois é de mala educación andar preguntando a idade- logo de 61 anos de actividade, digamos que anda arredor dos 85 anos de idade. Dígoo pola vitalidade que me transmitiu e que revela unha seguramente riquísima vida vivida por contar.

Polo pouco que puiden ver del na Rede (hoxe, o que nela non ten nada que contar, sinxelamente non existe) foi promotor da divulgación do culto xacobeo  ó outro lado do mar e tamén director espiritual do movemento de cursillistas españois alá.

No receso da sobremesa, xunto coa presidenta da asociación de xornalistas galegos en Madrid, Pilar Falcón, aínda tivemos un intre para teorizar a velocidade de vertixe sobre a vacuidade humanística que vive arestora a sociedade occidental e das consecuencias que tal intencionada carencia nos acarreará nun futuro que eu agardo que se alongue no tempo, pero que me dá que non ha tardar moito en chegar.

De tódolos xeitos, para os que gustamos de afondar un chisco nas conversas e de descubrir xente interesante polo mundo, todo nos soubo como lle sabe a un neno un xelado de limón, é dicir, a menos ca unha lambetada.

E preguntará vostede, que aureola tería o tal abade para deixalo tan impresionado? E é certo, aínda agora que vou polas derradeiras liñas da columna, descoñezo a cincia certa que hai por trás de "monseñor Perfecto Vázquez" -así se me presentou e así o inscribo-, pero intúo que haberá máis conversas que mo han explicar.

Por certo, aínda non o dixen, pero, por máis que me prezo de coñecer con certa profundidade á emigración da miña terra que nalgún momento das súas vidas vogou polo ancho mar, certamente nunca oíra falar de el.

Se cadra velaí o misterio. Porque, aínda que o titulei coma un cura de Brooklyn, resulta que non é nin menos nin máis ca natural de Calvos de Penosiños (Ramirás).

Te puede interesar