Opinión

Un querer e non poder

Non sei vostede, pero eu nunca estiven en Grândola. O cal non obsta, sen embargo, para que non deixe de sentir admiración cada vez que escoito mentar o seu nome en calquera interpretación da inesquecible peza de José Afonso que, como ben coñece, serviu de santo e seña para que os capitáns de abril do 74 puxeran a andar, dende os cuarteis de Santarem, a rede que derrubou -finalmente de forma tan romántica como incruenta- a Marcelo Caetano, o continuador político do dictador portugués, Oliveira Salazar.
Non coñezo Grándola -algún día a coñecerei-, pero si coñezo os reconstituíntes efectos democráticos que produce en cada un de nós a súa canción cando alguén a interpreta.

De aí o meu inmenso respecto e admiración que sinto polo que esta significa, así como a envexa que en min provoca o poder cohesionador que a mesma ten sobre o conxunto dunha sociedade que se gaba de terse sabido afastar dun réxime dictatorial dun xeito organizado, fronte ó estigma que nós arrastramos dende o ano seguinte por termos agardado a que un réxime semellante acabase podrecendo na cama articulada dun hospital.

Velaí por que, unha vez máis, a clase política catalá -ou, cando menos, unha parte da clase política que quenta coas súas posadeiras as cadeiras do Congreso- xerou en min unha sensación de repudio cando escenificaron "un querer e non poder" ó tentar interpretala, unha vez o presidente de Portugal rematou a súa intervención na recepción que a cámara congresual lle fixo no transcurso destes tres días de convite oficial nos que España e Portugal borraron un pouco máis esa raia que tantos séculos nos tivo de costas e que nós temos tido -e aínda temos- tan preto.

E digo que provocou repudio en min, tanto pola inoportuna escenificación -que máis que homenaxear ó Zeca Afonso, o que debeu facer foi provocar vergoña allea no presidente portugués-,  como polos acenos de cinismo dos que os seus ocasionais intérpretes fixeron gala coa devandita escenificación. E tratarei de explicarlle brevemente o porqué.
Nos anos que tiven ocasión de compartir propostas e proxectos no ámbito da xestión cultural das casas museo de escritores con máis de media ducia de representantes das casas de escritores cataláns, ó longo dos cales sempre avoguei pola integración coas casas museo de Portugal nunha federación ibérica, a resposta constante das casas catalás -por mandato político de ERC- foi de constante desmerecemento, argüíndo que non tiñan nada que ver cos portugueses e que o seu obxectivo eran as "maisons d'ecrivains" francesas.

Velaí por que me pareceu tan cínico como oportunista o seu remedo de canción. Sobre todo, despois de escoitarlle a Rebelo de Sousa exclamar "¡Viva Portugal! ¡Viva España!”

Te puede interesar