Opinión

Un repoboador

Chámase André -os demais datos persoais folgan para o asunto que vou describir- e é neto da aldea portuguesa de Tourem.

Coñecino casualmente hai uns meses na oficina de turismo de Celanova. Viña facendo o Camiño de Santiago e, como eu levo anos coa teima de facerlles ver ós representantes da Administración compostelá -e a algún que outro historiador de cu caído- que o camiño portugués que comunica as nosas terras con Santiago ten tanto dereito a ser recoñecido itinerario oficial coma a outra media ducia que está recoñecida dende hai anos, agás o camiño francés, cada vez que sei dun peregrino intento falar con el para saber que circunstancias persoais o moveron a transitar por estas terras arraianas dos vales de interior e así poder fornecerme da documentación precisa para facelos caer da burra denantes de que chegue o Xacobeo do 2020.

Díxome que era enxeñeiro de son e que vivía habitualmente en Newark (EEUU) onde teñen residencia varios veciños e coñecidos meus e onde hai unha importante colonia portuguesa no barrio do aceiro (Ironbound), onde teñen ata unha escultura da virxe de Fátima cos tres pastorciños en adoración.

Ano arriba, ano embaixo, ha de andar pola trintena e comentoume que por máis que vivira alá dende sempre, aquel mundo non era para el, polo que viñera facer o itinerario compostelán dende a súa casa -que é de onde parten sempre os camiños a Santiago- e logo asentar na terra dos seus avós para, dende aí, iniciar proxectos que tiveran que ver co seu.

Falamos o suficiente como para conxeniarmos ben. Chamei ó padre Fontes para que soubera del e quedamos en mantermos contacto periódico co fin de que aquel encontro non quedase nun simple recordo para os dous.

Nantronte recibín unha mensaxe e informoume de que volvera temporalmente ó seu Newark natal co obxectivo de arranxar algunhas cousas ordenar algunhas ideas e deseñar algúns proxectos, e que no prazo non superior a un ano volvería para Tourem porque "as nosas terras non poden morrer".

Non mo crerá, pero, afeitos como estamos a escoitar expresións como "aquí non hai futuro", "non nos queda outro remedio ca emigrar para onde sexa" ou "quen vai quedar aquí, se só hai vellos e pobos cada vez máis abandonados...", non pode facer unha idea da ilusión que me fixo ler tal mensaxe emitida en códigos do revés.

Fíxome ilusión iso e que (a vida, a veces, é así de caprichosa) a viaxe de regreso cara Newark a fixera a carón dunha miña veciña celanovesa á que coñezo dende neno e que forma parte desa pléiade de emigrantes que agora pasan o a primavera e o verán en Celanova e o outono e o inverno cos seus fillos en América. Pero, sobre todo, fíxome ilusión porque nel vin a un repoboador. É dicir, o imprescindible compromiso xuvenil que Galicia e o Norte de Portugal precisan para evitar que á volta dunha xeración un xuíz de paz calquera coloque na Ponte dos Santos, en Pedrafita e no Padornelo tres carteis que indiquen “pechado por defunción”.

Te puede interesar