Opinión

Unha foto de fin de semana

Supoño que cando toman a decisión e destinan recursos públicos para levar a cabo os traballos, é porque os resultados están testados e resulta un mal menor ou un gasto necesario porque non facelo sería ecoloxicamente moito peor.

Supoño que será así, porque doutores ten a "santa madre igrexa" que contan con moitos máis argumentos e infinitamente máis datos que lles aconsellan tomar esa e non outra decisión, por máis que a min, dende a distancia e dende a comodidade estática do sillón ó pé da mesa do ordenador, me semelle unha solución ben pouco práctica ou un xeito de traballar para quentar o corpo, por non dicir algunha trapallada máis.

Estoume referindo a esa especie de panacea que leva anos correndo coma a pólvora por Galicia adiante e que fala da proposta de distribución de palla polos montes queimados para evitar que as choivas que poidan chegaren nas próximas semanas arramplen coa capa vexetal dos montes e, á larga, acabe provocando deforestación.

Non sei. Non o vou poñer en dúbida polo escrito anteriormente, pero cada vez que vexo na prensa ou na televisión unha iniciativa voluntarista de levar catro fachucos de palla para salferilos polo chan coma en sementeira, salvando as distancia, paréceme algo así coma pretender baleirar a area da praia coa pala de plástico e un caldeiro deses dun xogo de nenos.

É certo que os españois en xeral e os galegos dun xeito moi particular -probablemente por ese costume ancestral de traballar a terra en comandita- somos moi dados ó voluntarismo do tipo dunha famosa fotografía de hai unhas semanas nun incendio dunha zona -non lembro cal- da costa viguesa, na que se vían unha ringleira de persoas, nenos e nenas, mozos e mozas, vellos e vellas pasándose baldes de auga que me dá a sensación de que cando chegaban ó seu destino xa ía menos de mediados, cando non secos.

É certo iso, como tan certo é que somos ciclotímicos e tan ben nos metemos no ollo do lume en pantalón curto, chanclas e sen camiseta, como lle plantamos ó monte pola irresponsabilidade teimuda de ter que facer unha churrascada cando a temperatura e o ambiente converten a herba en gasolina.

Por iso que, tanto nos días de calor extremo e perigo máximo, coma nos outonizos de agora, todo iso queda moi ben para unha fotografía de recordo comunal, pero esa -sabémolo todos- non é, por máis que poñamos a tódolos traballadores que están temporal ou definitivamente no paro, a repartir fachucos polos montes ardidos de Galicia.

A solución -sabémolo tamén todos- pasa por que a Administración promova economía nos bosques e actividade agraria e gandeira nas zonas de protección dos pobos. E todo o que non sexa iso queda moi bonito nunha foto de fin de semana, pero tan efémero coma colgala no facebook, no instagram ou no twitter. 

Te puede interesar