Opinión

Unha foto necesaria?

É evidente que a xestión dunha alcaldía é certamente complexa. Como evidente é tamén que aquel ou aquela que ostenta tal responsabilidade está permanentemente suxeita ó foco mediático e, polo tanto, exposta á crítica, xa sexa por acción ou por omisión das obrigas que lle son inherentes ó cargo.

Na maioría dos casos, son aqueles que se enmarcan no primeiro dos supostos -é dicir, na acción-, os que máis sen sabores entrañan e os que meirandes desgustos lle carran, pois xa se sabe que por máis que un teña intención de contentar a todo o mundo sempre se dan intereses contrapostos e, tal e como afirma o vello adaxio popular, o que é bo para o fígado é malo para o corazón, polo que sempre, sempre haberá alguén que por máis e mellor que sexa a intención da acción xestora, acabe véndose agraviado pola decisión tomada.

Outras veces, sen embargo, a crítica -xusta ou inxusta- chégalles por mor da inacción, cando, se cadra por medo á reacción popular ou simplemente por convencemento persoal de que é o mellor -ou mesmo por medo- non toman unha decisión -disque un dos mestres desta técnica é o actual presidente do goberno- cando as circunstancias lle aconsellan o contrario.

Cando xuraron ou prometeron o seu cargo, ninguén lle dixo nunca a un alcalde ou alcaldesa dos moitos que coñezo, que eu saiba, que a xestión municipal ía ser doada, e sobre ese fío da navalla acaban camiñando tódolos días e tódalas noites do seu mandato municipal.

Sen embargo, hai casos moi concretos nos que, de expoñerse á critica pública, ó teren que elixir entre a acción e a inacción, dáme a min que lles sería máis doado tomar partido pola segunda ou, en caso de decidir a primeira, facelo no ámbito privado da alcaldía, espazo onde tamén se lle pode facerlle moito ben á veciñanza sen expoñer a mesma a un escaparate público no que non quede moi claro que é o que se “pon á venda”.

Moveume a esta reflexión unha fotografía que vin hoxe -onte, para vostede- neste mesmo xornal e que, sinceramente, fíxome chocar de fronte co perfil prudente e reflexivo que sei de primeira man que identifica ó alcalde de Ourense, dun xeito especial en todo aquilo que ten que ver co sensible ámbito da situación social dos individuos.

Se é lector cotián desta cabeceira, seguro que tamén vostede reparou nela. É unha fotografía na que o alcalde sae retratado a carón do home que atopou ó bebé abandonado nun contedor do barrio do 21, ademais das dúas mulleres que completaron o rescate da criatura.

Descoñezo os prolegómenos da imaxe e, polo tanto, non son eu quen de criticala. Ora ben, como lector si que me gustaría preguntarlle se considera que era tan necesaria para a acción municipal a súa presenza nesa fotografía?

Te puede interesar