Opinión

Unha singular disfunción?

Que a política española anda navegando por rápidos e fervenzas nalgúns casos ata o de agora nunca exploradas, é unha realidade que non precisa que teñamos á man a un politólogo de master e doutorado, para podelo ver a gran formato e en tecnicolor.

Lexislaturas que non duran un suspiro. Líderes emerxentes que aparecen espidos nas revistas para demostraren que non teñen nada que agochar entre as polainas. Outros que chegan dende a Universidade remangados e con coletas e de súpeto conseguen seren votados por máis de cinco millóns. Promesas mozas que son elevadas ata a santificación polo seu gracexo físico e logo acaban condenados á crucifixión para, finalmente, renaceren coma cristos que volveran da cuarta dimensión... Todo isto non son, senón, enunciados descriptivos que vostede coma min coñece e, polo tanto non están suxeitos a opinión.

Por iso eu non quero dicir que isto sexa bo nin sexa malo. É. E como é, pois non queda outro remedio que saber aceptalo, como un acepta, aínda que sexa de mal grao, unha treboada ou unha xornada de insufrible calor, porque non deixa de ser consecuencia da nosa democrática imposición. Afortunadamente somos o que eliximos e agora xa non vale ese discurso de que elixen por nós. É dicir, en pleno século XXI non lle podemos botar a culpa a Franco, nin ós corenta anos de silencio aborregado, nin ós Pactos da Moncloa, nin tampouco á Transición.
En resumo, que andamos explorando novos vieiros e no transcurso desa exploración aparecen vagadas levadeiras, pendentes nalgúns casos extremas e tamén zonas de sombra e de confort. Que outra cousa, senón, que a vida en si mesma, sen artificio nin salazón.

Ora ben, de todo isto -que tanto ten de malo coma de bo- eu levo uns días testemuñando ¿unha singular disfunción? (permítame que o poña entre interrogantes porque non acerto a verlle aínda a dimensión), que me sorprende non ter lido en ningures, se cadra porque -é o máis doado- estareino vendo con algo de estigmatismo ou distorsión.

De tódolos xeitos voulla expoñer para que logo, dende o seu silencio de lector, me poña ou me quite razón.

Ó fío dese acordo que andan a negociar os tecnócratas da Unión Europea con Canadá e que antes era visto dende unha perspectiva polos deputados socialistas e agora está sendo visto dende doutra ben diferente por mor do ascenso do "resucitado" secretario xeral á dirección, non lle parece a vostede que de tódalas variantes que ten traído a nova política ó hemiciclo de San Jerónimo, a que máis rincha ou que xera meirande disfunción é esa que amosa cómo todo un grupo político se pon a danzar agora ó son de alguén que estivo dentro e marchou, e agora exerce de novo ó albedrío a potestade de lexislar –por seres interpostos- sen o amparo popular das votacións?

Te puede interesar