Opinión

Unha voz e mil oídos

Obxectivo: Que ninguén vaia por libre no Xacobeo 2021! Velaí o encomiable desexo manifestado polo presidente da Xunta para poder conseguir "o mellor Xacobeo da nosa historia".

Velaí o reto! Diría eu. Logo do meirande período cíclico carente de celebración do ano santo compostelán segundo o calendario xuliano, o 2021 preséntase diante de nós coma a proba de lume dese turismo cultural que aínda se atopa en pañais na nosa Comunidade e está ben que dende a Xunta de Galicia se apostase pola creación dun órgano de coordinación de todo canto teña que ver coa celebración dese evento anual e que os ecos que divulguen tal celebración saian cara o mundo dende unha soa voz con intensidade suficiente como para poder chegar a tódolos recantos potencialmente receptores da nosa oferta cultural e turística para ese ano que parecía que non ía chegar nunca, logo de once de silencio, e xa se comeza a albiscar aí ás portas.

Está ben, pois, iso de, dende a diversidade que ofrece a Galicia xacobea, reclamar unha soa voz, porque, como ben di o señor presidente da Xunta, é unha oportunidade histórica que non debemos -que non podemos- desperdiciar. Por iso e porque -isto engádoo eu- o turismo cultural dáme a min que será o que sosteña a economía de moitos pequenos e grandes lugares desta terra nas próximas décadas, nas que o paradigma turístico dos "Sanxenxos" de turno acabarán por pasar a mellor vida e se teñan que reciclar.

Está ben, repito. Pero para iso os que van estar á fronte -política e técnica- dese organismo que onte foi anunciado polo señor presidente da Xunta, denantes de se transfigurar nesa soa voz que reclama o presidente, deberían mimetizarse nun milleiro de oídos, ben abertos e sen prexuízos centralistas -composteláns, digo- e, sobre todo, sen recelos predefinidos, e escoitar os berros secos que ecoan polo país reclamando un espazo no conxunto da Galicia Xacobea que desexa prepararse para ese reto que se atopa no horizonte do 2021.

Loxicamente, unha vez sexa constituída esa comisión, serán moitas as análises de texto e de contexto que terán que facer, e moitas as peneiras que terán que bater para seleccionar unha oferta ó nivel das expectativas xeradas na sociedade de aquí e de acolá por once longos anos de espera.

E un dos máis importantes, sen dúbida, estou convencido de que ha ser o problema da masificación dos Camiños, que no caso do francés -mal que ben- xa está xerando conflictos.

Por iso, por máis que o penso e o analizo, non son quen de entender por qué existe unha reacción institucional tan obtusa contra a proposta de completar o mapa dos camiños e asumir que o que pasa por Celanova é tan evidente coma calquera dos outros seis que non seguen a Vía Láctea e se achegan a Santiago pola revolta.

Te puede interesar