Opinión

Unhas fotografías de Auria

Tal e como escribín hai unhas semanas, non podemos negar a evidencia e por máis que a grande maioría das veces blasfememos contra as novas ferramentas que nos forneceron as actuais tecnoloxías da comunicación, pola inmensidade de cafres que foron capaces de facer aflorar á superficie, outras veces son certamente beneficiosas para sabermos o que acontece ó noso arredor, ampliando os nosos círculos concéntricos en milleiros e milleiros de quilómetros cando denantes soamente eramos conscientes do que acontecía na nosa zona de confort.

Hai algún tempo -pasará xa ben dos dous anos- a través deste medio de comunicación souben dun ourensán da Pobra de Trives que acababa de bautizar un avión da compañía aeronáutica que preside, co nome de "Auria" e soliciteille amizade virtual a través do facebook porque me resultou "engraçada" tan singular homenaxe a unha provincia que ten de todo menos mar e aeroporto.

Dende aquela levo seguido con certa regularidade as súas andainas polo mundo adiante, de norte a sur, de leste a oeste e sempre polo ceo dos cinco continentes, e téñome convertido nun fervente admirador de Chema Álvarez, que así é como se chama o propietario da compañía "Privilege Style", que opera no sector aeronáutico dos voos charter e mesmo no aluguer das súas aeronaves para outras compañías tradicionais.

Téñoo visto trasladar por Europa adiante a varios equipos de fútbol españoles cando compiten nas ligas europeas, especialmente ó Atlético Madrid, xa sexa co "Auria" ou con outros dous avións que levan por nome o do seu pai -ou a súa nai, non lembro- e mesmo o de Eduardo Barreiros, empresario ó que Chema Álvarez lle profesa unha profunda admiración polo imperio automobilístico que foi quen de crear despois de saír dun humilde tallerciño de Ourense.

Hai pouco souben que o "vello Auria" mudou por outro avión de características de vangarda. Pero nel mudou todo menos o nome, que continuará cruzando os fríos aires da troposfera. Sobre todo agora que decidiu darlle unha volta de parafuso ó compromiso que mantén coa súa terra de nación e colocou no seu interior unha colección de fotografías de Ourense que todos aqueles que suban e viaxen na fermosa aeronave poderán contemplar con absoluta paciencia e esculcar nelas ata o mínimo detalle dalgúns recantos da nosa capital, porque nos próximos meses realizará diariamente a ruta Roma-Nova York-Roma, transportando nel ata 3.600 viaxeiros á semana.

Como ben di o coñecido anuncio das tarxetas de crédito, hai cousas que non se pagan con diñeiro. Como con diñeiro non se paga o amor fraternal que Chema Álvarez profesa pola súa e nosa provincia, ofrecéndonos, con iso, un memorable exemplo, merecente, sen dúbida –nunca mellor dito-, do máis alto recoñecemento.

Te puede interesar