Opinión

Vendo o que se ve

Co horizonte do 26 de maio como bandeira e xa que todo o gozo da fusión municipal desexada polo presidente da Xunta hai uns anos caeu no pozo do silencio administrativo, permítome tomar o nabo polas follas elaborar unha reflexión ó fío dunha resposta que lle ofreceu onte o candidato do PSOE en Taboadela ó compañeiro entrevistador.

Ademais de espallar ese mantra no que ninguén cre pero “todocristo” predica, de que é tempo de "antepoñer os intereses do Concello a intereses partidistas ou afinidades persoais", o candidato socialista "taboadelense" deixa dita unha fase certamente interesante e que paga a pena analizar con tino, tal se fose ó mesmo tempo sintáctica e morfoloxicamente.

Referíndose ó seu propio concello (eu, para elaborar os meus considerandos, multiplicareino por oito mil e pico), asegura Álvaro Vila que se "desaparecese a corporación municipal, ninguén a botaría en falta".

Loxicamente, el afírmao no sentido crítico concreto do debate político local, querendo dicir que como non hai proxecto de xestión, o que funciona é a maquinaria administrativa, que funciona aínda que non haxa quen lle meta carbón á caldeira e, polo tanto, se non houbese goberno, a máquina continuaría camiñando.

Pois ben, repito, tomando isto como exemplo, pregunto eu que pasaría se de pronto o lexislador -é dicir, o Congreso dos Deputados, primeiro, e logo o Senado, ratificándoo- decidise de súpeto suprimir a gran maioría dos concelleiros en cada corporación, asignando exclusivamente ós mesmos unha representación equivalente ó numero de concelleiros cos que conta o órgano xestor do municipio, é dicir, a Xunta de Goberno.

Evidentemente todo iso tería que se facer co mesmo carácter proporcional que hoxe en día se utiliza (a famosa Lei d'Hont, por exemplo) para a elección do pleno, co fin de non danar a representatividade democrática e convertendo, polo tanto, a Xunta de Goberno nunha cámara única de xestión na que estivesen representadas tódalas formacións electas.

Probablemente non estou achegando nada que non teña pensado xa o lexislador e posiblemente non se teña posto en práctica porque haxa circunstancias non previstas por min, que non faciliten a súa aplicación. É probable.

Ora ben, non me diga, benquerido lector, que por máis que sexa drástica, tal medida non suporía unha transformación radical e unha axilización evidente da vida municipal, salvando o caso mastodóntico das grandes cidades.

Tamén pode ser que o que acabo de expoñer sexa unha barbaridade democrática. Pode...

Pero, co tempo, non me estrañaría que ó lexislador non lle quede máis remedio ca aplicar a tesoira representativa, xa que logo, vendo o que se ve e se é certo o que se escoita, non sei quen “carajo” vai querer –permítame a expresión- enmerdarse na política.

Te puede interesar