Opinión

Vilanova das Infantes

Non, o que vostede acaba de ler non é un erro de escritura nin unha discordancia de xénero entre o artigo e o substantivo, do lugar onde mora a memoria da metade dos meus ancestros. É, o xeito como nos séculos XIV e XV se denominaba ese vello burgo medieval que hoxe, por irregular derivación histórica, coñecemos todos en topónimo masculino.

Tráioo hoxe a colación despois de ter lido por acá e por acolá ducias de reaccións -unhas arroutadas, outras insultantes e, afortunadamente, outras contundentemente reflexivas- que xerou a explosiva ocorrencia da dirixente de Podemos, cando para feminizar un substantivo como portavoz, non tivo máis feliz idea ca engadirlle un "a", coma se a letra "a" fose patrimonio exclusivo das mulleres e o "o" dos homes, o que de forma paradóxica levouna a caer na vella e denostada dicotomía das cores rosas para as nenas e as cores azuis para os nenos.

Quen desexe saber algo máis sobre esta singularidade toponímica da vila petrucial de xentes tan ilustres coma Curros Enríquez, Luís Soto, Secundino Feijóo, o Padre Silva ou Ferrín, non ten máis ca ir á revista "A trabe de ouro", que dirixe Xosé Luís Méndez Ferrín, e consultar un traballo do filólogo Ramón Lorenzo sobre uns documentos atopados por Xosé Benito Reza na casa rectoral de San Munio de Veiga e onde se describe con tódo luxo de detalles eruditos o porqué desta aparente disfunción de xénero, que non é tal e que amosa de xeito clarividente como o xénero de determinadas palabras non as marca o propio nome, senón o artigo que o precede.

Como digo, o caso de por qué naqueles documentos datados en 1358, 1369 e 1407 e felizmente rescatados da humidade e dos ratos por Benito Reza, Vilanova non era nin "das infantas", nin "dos infantes", senón "das infantes", explícao o prestixioso filólogo do seguinte xeito:

"A razón estriba en que na época medieval 'infante é forma indiferente para masculino e feminino', tal como recollen os documentos coa forma 'Villa Nova das Infantes', polo que o trazo que marcaba a feminidade do topónimo era a partícula 'das'”.

É certo que o tempo foi facendo que o neutro “Infantes” fose entendido polo común como un substantivo masculino, polo que a contracción acabou mimetizándose co substantivo e a denominación feminina mudando nunha extensión toponímica masculina.

Pero isto, que se foi pulindo ó cabo, non xa dos anos senón dos séculos, non lle dá licencia a un político calquera -sexa home ou sexa muller- para esnaquizar o idioma en virtude dunha causa que debe ser defendida con outras armas máis efectivas e non esnafrando un idioma que, como dixo Castelao, leva moito máis tempo construílo cá propia catedral de Santiago.

Te puede interesar