Opinión

Sen xente non hai país

Acaba de pasar, un ano máis, o día de Santiago, o Día de Galicia, o Día Nacional de Galicia ou o Día da Patria Galega, segundo a parroquia social á que cada concelebrante pertenza.

Acaba de pasar de tal xeito, un ano máis, o día 25 de xullo, neste interminable introito temporal que agarda como auga de maio un novo Xacobeo e cada quen celébrao ó seu xeito e á súa maneira como loxicamente no podía ser menos, constituíndo como constituímos unha sociedade con pensamento propio, formada e diversa. Unha sociedade da que nos gabamos formar parte, como paradigma que tamén somos, dunha colectividade moderna.

Pasou o Día de Santiago, o Día de Galicia, o Día Nacional de Galicia ou o Día da Patria Galega, segundo a parroquia da que proveñamos, mergullado entre eclesiásticas concelebracións, actos institucionais con protocolo de chaqué e escenario baixo cuberta cuxa tradición se perde nos tempos e discursos que se torcen entre liñas ó pedirlle ó apóstolo imposibles que todos sabemos que ó pobre lle transcenden. E pasou tamén entre mobilizacións por prazas e rúas ben máis contemporáneas pero non menos tradicionais, reivindicando nestes casos outros -por agora- imposibles, coma por exemplo o mito tan incuestionable como polo de agora inalcanzable da construcción nacional que esa parte da sociedade envolve coma reliquias entre panos, pancartas e bandeiras.

É dicir, pasou o Día, coma tódolos anos, ateigado de grandilocuentes declaracións de amor á terra e de compromiso co seu pasado, co seu presente e co seu futuro. É dicir, con ela. Institucionais unhas, mitineiras outras e xornalísticas as máis.

Acaba de pasar, un ano máis, cumprindo con ese guión tan previsible que fai que se un botase man dos xornais do día propio e do día seguinte dos últimos anos e fixese lectura comparada, non habería atopar moitas máis diferencias cás que reproducen nas páxinas de pasatempos as clásicas viñetas.

Por iso entendo eu que, unha vez máis, volveu pasar un día que debería servir para concelebrar as nosas cousas comúns (esas que nos unen e que nos identifican como pobo dende hai tantos séculos e tan exhaustivamente explicadas por Castelao no seu momento) e que sen embargo non fan outra cousa ca exhortar as nosas sutís diferencias. E sobre todo as nosas profundas contradicións, esas polas que permanente navegamos a cotío.

Celebramos, por exemplo, o día de Santiago e agora resulta que ninguén lle chama xa Santiago, a Santiago, senón Compostela. En fin. Celebramos o día do noso pobo e cada vez somos menos pobo sen que ninguén se poña a traballar de contado para que o pobo non esmoreza. É dicir, celebramos o día do país sen alarmarnos de vez de que á volta duns anos simplemente non haberá país porque non haberá xente para habitalo.

Te puede interesar