Opinión

A xestión do patrimonio cultural

Hai persoas que se meten nun coche e póñense a falar cunha incontinencia tal que xa a viaxe pode durar da Coruña ata Algeciras que non paran nin cando o corpo pide estirar as pernas e aliviar.

Por fortuna, ese non é o caso da miña muller e máis eu, polo que cando na radio se escoita algo interesante nin a min nin a ela nos fai falla mandarnos calar.

Así aconteceu o pasado mércores, camiño de Cantabria, a última hora da mañá, cando en radio nacional emitiron unha reportaxe dunha hora de duración -que xa ten que ser bo para seguilo sen rechistar- sobre as prazas Maiores das cidades en España. Unha peza que, logo en forma de "podcast" colguei no meu muro na rede, recomendando a súa escoita, como de escoita obrigatoria para todo aquel xestor público que por ache ou por be ten pensado nalgún momento intervir arquitectonicamente ou doutro xeito calquera nun espazo público que conte cunha razón de ser social e cunha historia que debe ser coñecida denantes de ter o aceno mínimo de lle tocar.

Aínda que a maior parte do programa tomou a praza maior madrileña como exemplo, non en van foi unha das primeiras e probablemente a máis cargada de simbolismo histórico, ó longo do programa quedou ben claro cales foron as orixes da maioría das prazas maiores do país, cales as súas funcións ó longo da historia e a importancia que as mesmas tiveron tanto para o ocio como para o desenvolvemento da economía local. De escoita obrigada, sen dúbida.

Contrastou tan didáctico programa cunha polémica xurdida nas redes alí onde o Miño cose a Galicia e a Portugal co mar e onde se asenta, sobre un outeiro privilexiado, un dos xacementos arqueolóxicos máis coñecidos do noso patrimonio como é o castro de Santa Tegra, onde unha manchea de indocumentados ós que, como dicía meu pai, lles dá o mesmo “planchar o ovo ca fritir a camisa”, se lles deu por tomar o recinto castrexo como merendeiro con vistas ó mar.

E todo elo adobóuseme nos miolos cunha mesa de reflexión e debate na que eu tiven oportunidade de participar hai pouco máis dun mes na Cidade da Cultura, arredor precisamente do patrimonio cultural galego.

Eramos unhas dúas ducias de persoas de diversas procedencias profesionais. Había profesores de universidade, enxeñeiros, arquitectos, arqueólogos, docentes de distintos ciclos e soamente dous ou tres procedentes do sector da xestión cultural.

Todos falaron de investigación, de catalogación, de educación, de coordinación, de restauración e, sobre todo, de protección. Protección contra o turismo, ese gran mal que seica vai acabar coa nosa identidade patrimonial.

Todos falaron diso menos da xestión do patrimonio, algo tan elemental e sen embargo tan pouco tido en conta pola Administración, que a miúdo leva a pensar que só con colocar unha cinta amarela (ás probas fotográficas me remito en Santa Tegra) que poña algo así como “Policía Local”, xa está o patrimonio protexido de todo mal.

Te puede interesar