Opinión

Xestionar a calderilla

Andou o exministro de Xustiza por Ourense, para tratar de poñer algo de luz sobre o espeso neboeiro que a aplicación da nova Lei de contratos do sector público espallou en todo o país dende o pasado mes de marzo, cando entrou en vigor.

Dende aquela tanto o sector público como o privado non deixan de zopar de contado co inxente valado que a mesma veu supoñer nesa relación dual arredor da cal se move unha porcentaxe tremendamente importante da economía.

Andan, o sector público e a empresa privada, esnafrados cos 265 folios dos que consta a devandita normativa lexislativa para trataren de atopar pontes legais polas que transitaren sen paralizar a economía do país, porque, de súpeto -e xa lle vale ó lexislador!- a lei presupón que todos somos potencialmente corruptos e, como ben dixo o exministro,  o "risco cero non existe", nin polo tanto o vai conseguir esta lei.

É certo que a mesma foi redactada no contexto do  clima de corrupción que aflorou por tódolos recantos do país ó longo do período no que durou a crise e que algún remedio paliativo lle había que poñer a tanta sangría coma a que supuxo para as arcas do Estado o andazo corruptible. Pero, non sei se tanto.

Tal como somos, amantes ata a devoción da lei -neste caso física- do péndulo, pasamos dun extremo ó outro sen solución de continuidade no centro e esa é a consecuencia de que nestes intres se atope esta en aplicación dando tumbos a trancas e barrancas e provocando casuísticas certamente ilóxicas e incumplibles en moitos escenarios.

Loxicamente non son eu un especialista nesta nin en ningunha outra lei, aínda que si son testemuña dos problemas de carácter práctico que si está provocando nas administracións en xeral e dun xeito moi particular, nas pequenas administracións, que no caso da Local, en provincias como Ourense son, máis ca pequenas, microscópicas.

Pero aínda sen ser especialista, si son capaz de asegurar que, tal como ten acontecido ó longo da historia da administración pública en España, o lexislador pensa -cando se pon cachondo nas salas das comisións- que todo o campo é ourego e o que vale para controlar un contrato de obra, servizo, concesión de servizo ou subministro en Madrid ou Barcelona (onde son milleiros de empresas ou candidatos os que poden acudir a unha convocatoria), vale tamén para Larouco ou Pontedeva -por poñer catro exemplos ben extremos-, onde probablemente non haxa ningún pola revolta que cumpra as condicións mínimas requiridas para xestionar unha pouca calderilla.

E non hai cousa peor ca tratar de limpar o cristal de bohemia con manoplas, porque por moito xeito que teñas no oficio, o máis fácil é que acabes quedando sen vaixela.

Te puede interesar