Opinión

Así de simple

Entre as moitas frases lapidarias de Rodríguez Zapatero (tódolos presidentes contan co seu propio diccionario de expresións dende Adolfo Suárez a Mariano Rajoy, pasando mesmo por Emilio Pérez Touriño, que contaba con idioma propio) existe unha ben famosa que dicía que a democracia era unha cousa tan grande que ata el mesmo foi quen de chegar a ser presidente do seu país.

Pois ben, facendo propia unha versión aumentada do aforismo zapateiril, diría eu que un dos principios que alicerza a democracia como sistema político é aquel que permite que calquera persoa, independentemente da súa condición de berce, de raza, de pensamento ou de relixión, permite que poida ser candidato malia que non saiba facer a "o" cun pau.

Velaí onde radica a grandeza do sufraxio universal, tanto no campo dos electores -que somos todos os que superamos os 18 anos de idade- como no dos candidatos a seren elixidos, que tamén podemos sermos todos. Iso si, cuns lóxicos elementos correctores especificados na Lei Electoral Xeral, que sen ser a mellor das posibles (pois é a responsable de que levemos case un ano sen goberno), foi a que democraticamente nos demos en 1985 e que no artigo 6.2.b) indica que son inelixibles: “Los condenados por sentencia, aunque no sea firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra la Administración Pública o contra las Instituciones del Estado cuando la misma haya establecido la pena de inhabilitación para el ejercicio del derecho de sufragio pasivo o la de inhabilitación absoluta o especial o de suspensión para empleo o cargo público en los términos previstos en la legislación penal.”

É dicir, que aínda que a regra xeral di que tódolos españois podemos sermos candidatos, dado que non hai regra sen excepción, o lexislador acordou (con bo criterio, por certo) que nin un condenado, con sentencia firme, durante o período que dure a pena, nin un inhabilitado a desenvolver función ou cargo público, pode presentarse ás eleccións. Así de simple.

Ou, cando menos, así de simple o vexo eu. Por iso non dou entendido o debate que anda estes días en tódolos medios de comunicación, sobre o pretendido candidato co que o nacionalismo independentista pretende "asaltar" de novo o parlamento vasco.

Poñamos por caso que, por cuestións derivadas da súa actividade anterior, nestes intres estivese inhabilitada unha calquera das catro primeiras candidatas ourensáns o Parlamento Galego. Seguro estou de que o debate non duraría máis do que dura unha partida de dominó e nin 20 segundos terían na televisión.

Sen embargo, como se trata de quen se trata (cun milleiro de esquelas nun caixón), de novo, de forma paspana -e gratis- lle estamos facendo a campaña os medios de comunicación.

Te puede interesar