Opinión

O taberneiro da esquina

O domingo, mentres xantaba nun restaurante eu só, ollando para a televisión, non me quedou máis remedio ca seguir un novo episodio de "minuto e resultado" co que a "Sexta" volveu seguir informativamente o debate, desta volta incruento, acontecido na sede central do PSOE.
Non me vou deter nos pormenores porque hai tan só dúas semanas ofrecín xa aquí a miña opinión sobre ese xeito de xornalismo inane e intrascendente exponenciado por un exceso de dedicación e por non menos excesivos énfases na locución que semellan que con cada suxeito, verbo e predicado pronunciado o xornalista director fai mudar o ritmo do mundo media ducia de veces, cando menos.

Non me deterei, logo entón, nas razóns que levan a unha canle de televisión a colocar nos subtítulos algo así como, "Exclusiva! Susana Díaz está ejerciendo su turno de palabra". Como adoito repetir aquí con certa frecuencia, cada quen pode facer da súa capa un saio e en canto a capa sexa súa e non manque a ninguén coa tesoira ou coa máquina de coser, por min coma se montan unha fábrica de saias.

Ora ben -e volvo, non con ánimo de crítica, senón de reflexión-, si que me deterei noutro aspecto da sobre exposición informativa dun asunto que por moi transcendente que fose para o país, dá para o que dá e non estira por máis que os pés queden fóra da manta.
Non lembro agora -malia que para o que quero escribir, no fondo da o mesmo- se foi tamén en letras de molde ou por reproducción oral do presentador, nun momento dado, cando probablemente, os contertulios xa estaban, coma no baloncesto, nos minutos "lixo", apareceu o comodín do "flash back" ou retorno informativo e anunciaron que ían informar sobre "que dicían as redes sociais".

Entón dixen eu: Ala! E por qué non lle preguntan tamén o taberneiro da esquina, porque seguro que nalgunha esquina das interseccións da rúa Ferraz con outras rúas madrileñas hai algún bar e detrás da barra un taberneiro ben informado sobre a travesía pola que naquel intre estaba cruzando o PSOE ou sobre calquera outra cousa que se terciase.

"Que din as redes sociais?" Velaí a antítese dos principios elementais da información. Polo menos o taberneiro da esquina, se ofrece a súa opinión, ademais de ser esta, con toda seguridade, un bo resume do que opina a clientela, el estará poñéndolle cara á fonte informativa e tratando de ser serio na súa exposición, pois no fondo vaille o crédito do seu negocio niso, mentres que as redes sociais son opinións completamente anónimas -que xa se sabe o que son- logo peneiradas de xeito arbitrario por un "peneirador". É dicir, o paradigma do rigor. De aí que en cuestións relativas a estados de opinión, a min que me dean a do taberneiro da esquina. Ou non?

Te puede interesar