Opinión

Contra vento e marea

Por máis que o repetiran ata a saciedade tódalas demoscopias, por máis que todo o mundo -e o extramundo periscopado de alén do Padornelo- o dera por suposto. E por máis, incluso, de que o avanzaran as "israelitas" (que son esas enquisas que lle fan á xente ó saír da mesa), o certo é que ó meu ver Alberto Núñez Feijóo (non o PP) gañou nantronte as eleccións contra vento e marea.

Contra vento e marea, porque non hai ningunha outra Comunidade, das 17 que conforman o noso diverso mosaico, que teña un goberno unívoco.
Contra vento e marea, porque se elevamos o estatus territorial e nos fixamos nos Estados da Europa occidental, tampouco nese marco se dá actualmente ningunha fórmula gubernamental tan exemónica.

Contra vento e marea, penso ademais, porque a política estatal e a dinámica orgánica do partido do que forma parte non fixo outra cousa, cada mañá da campaña electoral -e mesmo da precampaña-, ca obrigalo a almorzar con rodas de muíño, que tivo que engulir sen emitir o máis mínimo esgutío.

E contra vento e marea, en definitiva, porque -por máis que xa estea curtido nela-, foi a súa, unha disputa numérica desigual de el só contra catro contendentes. E dicir, contra Cidadáns, PSOE, BNG e En Marea.

En definitiva, foi, a de Alberto Núñez Feijóo, unha "xusta" case medieval, sen escudo co que se abrigar, a lombos dun cabalo coxo e brandindo unha esnafrada lanza de madeira, coa que, contra vento e marea, acabou co resto dos seus rivais enzoufados na terra.
Non, non é este, nin moito menos, un cantar de xesta, nin un relato artúrico, nin sequera un episodio de "Tagen Ata" que eu agora me poña a declamar para pulirlle o xelmo ó victorioso cabaleiro.

É a constatación dunha realidade que se cadra non é doada de observar se un non se coloca nalgún punto de observación da outra beira.

Por iso que, seguindo tan singular -e sei que polémico- argumentario, a pregunta que se me antolla pertinente a continuación é a seguinte: É, a sociedade galega, unha sociedade endémica do Partido Popular?

Pois, sinceramente, eu creo que non. Senón que, neste intres, como graficamente o demostrou nantronte, é unha sociedade maioritariamente de Alberto Núñez. Como noutrora o foi de Fraga Iribarne.

E se alguén non o considera así, que se pregunte -e se conteste- qué resultado sería quen de acadar o domingo o PP con calquera outro candidato.

De aí que, se o Partido Popular (sobre todo o de Madrid) pensa que ten aquí o ceo gañado, sinceramente creo que, unha vez máis, equivocarase de plano.

Polo tanto, eu agardo que Alberto Núñez sexa consciente diso e saiba xestionar un crédito tan xeneroso. E os que perderon saiban reflexionar e entendan que o país que hai que gobernar é este e non precisa que lle inventen outro novo.

Te puede interesar