Opinión

Vocé é um pouco ignorante...!

Omicrorrelato que vou contar, xa o contei nalgunha ocasión. Sen embargo, tanto polo oficio do interlocutor como polo contexto, ven hoxe acaído. Aconteceu hai unha ducia de anos no "hall" do Hotel San Martín, onde el estaba aloxado.

Era poeta. Un bo poeta, de certo. Quedaramos para falar co fin de publicar unha entrevista na revista Auria despois de ter sido galardoado cun tan ben dotado como efémero premio da Deputación de Ourense.

Comezamos a conversa e o meu teléfono importunounos dúas veces por mor da cita co fotógrafo. A segunda vez, con cara de poucos amigos, díxome que el, cando se sentaba a falar adoitaba apagar o trebello. A partir de aí, a conversa devalou sobre unha estrada de terra. Fíxenlle as preguntas de rigor sobre o premio que acababa de recibir, sobre o seu coñecemento de Ourense, sobre a literatura galega e, tamén, loxicamente, sobre a súa obra e as súas referencias.

Cando chegamos aí -precisamente ós seus gustos poéticos- citou a varios autores de Europa oriental con nomes impronunciables. E cada vez que mentaba a un reparaba na miña libreta para cerciorarse se o que eu escribía respondía á fonética por el pronunciada.
Evidentemente aquel inintelixible dictado estábase convertendo para min nun exercicio insufrible e absurdo, polo que deixei de tomar notas consciente de que o estaba gravando.
Entón, nun momento dado, logo de pronunciar un deses xentilicios que teñen máis consonantes có abecedario, calou, ollou fixamente para min e espetoume con altivez: "Voçé é um pouco ignorante...!

"Depende en qué...!", respondín en silencio, tratando de sobrelevar, sen que se notase moito, a cornada que acababa de recibir ó meu amor propio.
Pode entenderse que de aí ó punto e aparte da entrevista e ó corolario final da despedida -digamos- fríxida, non mediou máis ca un salouco.

Non...! Por máis que nestes intres o poida estar pensando, non foi unha entrevista co poeta lugués que dende nantronte xa forma parte da historia da literatura galega por ese efémero e arrítmico antipoema que escribiu na rede e no que cualificou ó noso pobo de pobo "estraño", "escravo", "alienado" e "ignorante". O da entrevista foi Eugénio de Andrade. Un avinagrado poeta portugués que xa non está, pero que estivo a piques de ser Premio Nobel.

Pero lembreino cando lin o resentido "haiku" autóctono de Fernán Vello, porque me sentín tan ferido coma cando o poeta porteño me mirou con ollos de boi capado. Porque o problema non é que -en quente- o escribira. O problema é que o sinte. Igual que dende a súa fachendosa superioridade moral o senten todos aqueles que lle fixeron a ola e logo lle aplicaron cataplasmas. Exactamente a mesma superioridade moral (lamento o símil, pero é así) que na historia sentiron e senten tantos dictadores.

Te puede interesar