Opinión

Florencio Delgado Gurriarán: 
O poeta do viño e da viña

Os días 19 e 20 celebrouse con éxito en O Barco a XVII Feira do Viño de Valdeorras. Entre os milleiros de persoas que acudiron sentiuse a presencia case física e Florencio Delgado Gurriarán, un dos poetas que mellor cantaron o viño e a viña, autor de obras tan importantes como “Bebedeira”, “Cantarenas”, “Galicia Infinda”, entre outros libros, ademais de moitísimas colaboracións, artigos e traduccións. Fora fundador en México de numerosas asociacións de gran prestixio, entre ellas o “Padroado da Cultura Galega en México”, “A Nosa Xente” e o grupo “Saudade”. Publica os seus versos nas revistas “Vieiros”, “Saudade” e “Compostela”. Pola súa gran obra literaria foi premiado pola agrupación cultural de México “A Nosa Xente” coa medalla “Eduardo Pondal”. Toda a súa vida adicada a poesía galega non lle supuso aporte económico algún, tendo que traballar en varias profesións e rematando a súa vida laboral como xerente duns laboratorios.

A Real Academia Galega otorgáralle no ano 1981 a condición de Académico Correspondente en México. Nun acto solemne e memorable celebrado no Casino de O Barco, en setembro do devandito ano, foille imposta a medalla, sendo apadriñado polos académicos Xulio Francisco Ogando, Ramón Piñeiro e Valentín Praz Andrade, coa presenza do dramaturgo Lauro Olmo, o pintor e editor Isaac Díaz Pardo e o entón presidente da Xunta, Xosé Quiroga. Conduciu a cerimonia o que fora primeiro presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, entidade promotoroa da homenaxe, Xosé Gayoso, quen dixo que “era o pago dunha débeda que tiñamos tódolos galegos co home que adicou toda a súa vida a lovar a Galicia”. O homenaxeado verteu no seu discurso, coa emoción propia dun acto tan solemne, a dramática frase: “Eu fun un de tantos que lles tocou xogar e perder, calar e marchar”. Florencio pasou a meirande parte da súa vida no exilio, en México.

A traxectoria, obra literaria e acidación a Galicia, ben merecen o recoñecemento da RAG, adicándolle o Día das Letras Galegas do 2017, en que se cumpre o 30 aniversario do seu pasamento. Florencio Delgado é unha das figuras senlleiras da cultura galega. Nel cúmprense tódalas condicións que contemplan os estatutos da Academia. O poeta valdeorrés é autor dunha obra literaria relevante en galego, e persoa de calidade cultural e humana que merece propoñerse como exemplo a sociedade galega de entón e de agora. A obra e vida de Florencio non terá endexamais data de caducidade. Valdeorras debe seguir pedíndolle a RAG o Día das Letras Galegas para o “Poeta do Viño e da Viña”. É de facer en xustiza.

Te puede interesar