Opinión

Cambiaron os tempos

Moitos dos lectores escoitarían repetidas veces aquilo de que os homes que tiñan o poder na man querían que os labregos coidaran as vacas en Galicia, nos prados verdes de boa herba seca, para despois poñelas en ringleira e a todas xuntas muxilas dende Madrid, mentres aqueles humildes traballadores naufragaban en solitario nos regos do seu minifundio. Os que abusaban do poder que tiñan, tamén muxían aos propios labregos e ás súas familias pobres. Foi unha época de tortura e martirio diario para a maior parte dos fogares do rural de Galicia, considerando aos labregos como empresarios, a través da maldita cota empresarial, da que aínda quedan recordos que non se borrarán ata que pase máis tempo.  

Aquela cota empresarial, inxusta e indebida, desapareceu. Quitárona grazas ao esforzo revolucionario dos que se opuxeron a ela con tódalas súas forzas, co corazón, coa alma e coa cabeza, a principios da década dos oitenta do século pasado, cando o leite se achegaba á parada do camión que pasaba cargado de leiteiras metálicas de 20 litros, cando os leiteiros e as leiteiras andaban, porta por porta, no reparto diario, vendendo, cobrando e pagando. Permítanme que, a modo de homenaxe a estas xentes, cite a Aurora Liste Forján, a leiteira de Calo, irmán do Xeneral Lister, que pasou a vida repartindo xarras de leite polos pisos dos universitarios de Compostela. 

O leite nas casas labregas non sobraba nunca. O que quedaba dos becerros e non se vendía, bebíano os máis pequenos da familia; cando non, ía para a ola e a ama da casa, co mazarelo facía leite mazado, convertía a súa tona en manteiga e, cando era o caso, facíase queixo, moitas das veces callado, daquel de farraca que tanto gustaba e fartaba. E, agora? Pouco ou nada queda. Trocaron os mundos, cambiaron as formas de comer e de vivir, os modos de comercialización, os costumes e os hábitos alimenticios. Cambiaron os tempos.

Aí está, os que teñen o poder na man cambiarán o que faga falta para seguir coa dominación dos produtores e dos consumidores. Nestes días, a Unión Europea propón pagar aos gandeiros catorce céntimos por cada litro de leite que deixen de producir. Queren reducir a produción nuns mil catrocentos millóns de toneladas. A medida, como di a Tía Manuela, pode ser de “pan para hoxe e fame para mañá”.

Te puede interesar