En pé! En pé!

Xogamos mal. Moi mal. Despois dun primeiro cuarto prometedor saímos do partido pola porta de atrás mentres Suka-Umu nos tumbaba o castelo de naipes do ascenso soprando ben forte. Un gran COB vai camiño da ACB. Que sexa por moitos anos. Ben merecido o ten. Os vosos irmáns do Breogán deséxanvos larga vida.


Permitídeme agora que vos leve ata o ano 2000. Por aquel entón eu xa era do Breogán. Xa tiña un amor profundo polo que representaba o león do escudo e polo azul da camiseta. Gustábame ir ao pazo e vibrar cos bos partidos e nos malos berrar e botarlle a culpa ao primeiro que pasaba por diante. Nese ano houbo algo que cambiou. Chegou ao equipo Ricardo González. Non era un xogador espectacular nin un gran anotador. Pero era un líder. Un líder que saíndo dende o silencio do banquillo conseguía poñer o Pazo en pé facendo aspaventos con aqueles interminables brazos. Lideraba dende o corazón. Era intenso cada segundo que estaba na pista e amaba o clube e a cidade, era xa unha pedra máis da muralla. O 14 foi a primeira camiseta que tiven e da que máis orgullos estou.


Comecei a entender que o Bregoán era moito máis ca unha victoria ou derrota. O Breogán é un sentimento que se leva moi adentro. Un equipo para seguir a onde sexa. Para ser azul e branco ata a tumba. Da man de Richi comprendín que dunha derrota sae unha victoria. Que hai que aproveitar o cascallo dun derrubo para construír algo novo. Que as bágoas te fan máis forte. Despois de hoxe seremos  moito máis fortes. Escribo isto aínda enchoupado en suor e coa bágoa na esquina do ollo petando á porta. E neste momento de dor teño unha idea na cabeza. Como me comentaba o meu amigo Riki sentados no Paco Paz mentres perdiamos de trinta puntos, imaxinades o que sería ascender no 50 aniversario? Se pecho os ollos escoito a Areñas berrando: “En pé! En pé! En pé! En pé!”