Quedouse boa tarde

Quedouse boa tarde

Pois ao final quedouse boa tarde. Cando non hai que dicir pero o silencio é coma un bloque de granito e queremos esquivalo soemos tirar polo camiño do medio e falar do tempo. Despois do vivido no Paco Paz no primeiro partido da final polo ascenso á ACB podería estar escribíndolle á chuvia ata o domingo ás sete, a ver se por esas escampa.

O caso é que para o Breogán choveu, non se quedou boa tarde. Choveu moito. Non nos deu tempo a levantar os mobles do piso e a auga enchoupouno todo. Temos día e medio para achicar os restos do naufraxio e conse- guir levantar cabeza. A tromba sorprendeunos no tiro exterior, na loita na zona, en defensa e en ataque pero, sobre todo, o Breogán viu como lle chovía en cuestión de actitude.

O COB saíu como acostuma á pista. Defensas moio duras e ataques rápidos aos que uniu un acerto no tiro digno de aplaudir ata facer sangue nas mans. Mantivo as súas señas de identidade ata o final. Para frear tal torrente o Breogán debía apelar ao traballo e á actitude, algo que non ten unha columna no cadro de estatísticas pero que está presente en cada unha das outras facetas. A actitude é rebote, son roubos de balón, ten que ver cos tiros concedidos e con posesións rivais esgotadas. A actitude sae das tripas e do corazón e é a encargada de converter punteos en puchos, acabar contraataques con contundencia, cargar o rebote con decisión e, sobre todo, mirar ao rival aos ollos e meterlle o medo no corpo.

Cando se unen todos os factores para a tormenta perfecta pasa o que pasa. Perdes e marchas para a casa cunha sensación que quizais sexa o primeiro que Lisardo e Quique Fraga deban tratar nun vestiario que a bo seguro está desexano que chegue o domingo para demostrar que o bo tempo pode volver a Lugo. Como? Seguramente da man dunha actitude distinta á deste primeiro encontro. Como di Homer Simpson “sen tele e sen cervexa, perdo a cabeza”. Hoxe ao Breogán pasoulle algo parecido, pero non foi culpa da televisón nin do zume de cebada. Cu abaixo en defensa e mirada alta en ataque, actitude e seguro que non chove tanto.