Opinión

Imperfectos

Somos imperfectos e o íntimo coñecemento das nosas imperfeccións, implícanos unha sensación de culpa dende moi pequenos, pero a medida que medramos deberiamos darnos conta de que recoñecérmonos os nosos erros nos achega á perfección.

A asunción da culpa é necesaria para o correcto funcionamento das nosas neuronas, condiciona os nosos afectos e, á postre, nos fai máis felices. Ninguén quer errar, claro. A todos nos gustaría camiñar pola vida con paso firme, sen atrancos, asegurármonos o amor, a protección, procurármonos o pan e o sal, evitando así o castigo. Pero no fondo, sabemos que non é posible. Somos tan covardes, temos tanto medo a perde-los afectos, de que nos quiten o pan e o sal, que preferimos sacudírmonos a responsabilidade, botarlle a culpa á auxiliar que se tocou a cara, ao técnico que non nos informou a tempo, á casualidade ou á mala sorte. A desastrosa xestión da crise do évola ou a vergoñenta actitude dos conselleiros de Caixa Madrid respecto ao uso das tarxetas opacas, ademais doutras connotacións, gardan no seu seo a circunstancia reveladora da nula valentía que temos para admiti-los erros incluso cando nos conduce á traxedia. Esa actitude de inutilidade, baleirade ou chulería, segundo os casos, é sintomática dunha realidade que, aínda que sempre estivo presente no noso país, adquire agora niveis alarmantes. Esta circunstancia é consecuencia dunha progresiva infantilización que nos leva a un deterioro social insoportable. A tendencia ao desmarque xeral é patente en terreos tan pisoteados como o da política, pero cubre baixo o seu manto a todas as parcelas. Sempre rematamos acusando ao que temos ao lado, sen importarnos o dano que podamos producir nin as consecuencias que delo poidan derivarse, xa sexan legais, morais ou económicas, sen atender nin a correctivos nin a expulsións con tal de sacudirnos de por riba o deshonroso dedo acusador.

Te puede interesar