Opinión

22 años de soños

Vinte e dous anos á pata coxa. 22 anos a trancas e barrancas, ás toupadas. 22 anos cheos de críticas e, certo, de poucas gabanzas. 22 anos nos que, a política, que nunca se levou ben coa cultura (a cultura é unha lingua afiada e intelixente, da que foxen os políticos), se meteu polo medio. Pero aí está, 22 anos percorrendo as salas da nosa capital, incluso da nosa provincia. O OUFF dálle que dálle á súa programación, á súa fábrica de soños para que, precisamente, soñemos. E soñamos, vaia se soñamos.

Soñamos con ese cine que será difícil de ver. Porque o cine pequeno, o cine independente nas salas do país é moi difícil de ver. Ás veces ata xa é difícil de ver algunhas desas, chamémoslle, comerciais, imaxinade o pequeno cine, o cine feito con catro euros (o de catro cadelas xa hai que deixalo para o esquecemento), que, para máis aquel, asoma en versión orixinal subtitulada (e co fácil que é acostumarse ós subtítulos).

Esta edición abrese co filme de Diana Toucedo “Trinta lumes”. A verdade é que, entre este título e máis a presentación das primeiras imaxes de “Aquilo que arde”, de Oliver Laxe, semella que un non sei que se confabulou para que se xuntaran as palabras lume e arde logo dunha semana tan crítica e tan criminal para a nosa Comunidade. Certo que “Trinta lumes” non ten nada que ver cos incendios, xa que se refire ó número de habitantes, ou mellor dito, ó número de fogares con fume.

Fóra desa anécdota, desa coincidencia non buscada (faltaría máis), o Festival entrégase ó cine galego e iberoamericano, así como ás retrospectivas dedicadas a Mariano Llinás, Marilia Rocha e a Jeannette Muñoz. Veña, que empecen os soños!

Te puede interesar