Opinión

72' 43''

Ou o que é o mesmo: 72 minutos e 43 segundos da segunda parte, do segundo tempo. Ese foi o instante supremo, o momento xusto no que David Ferreiro se lanzou en prancha e marcou un gol histórico. Histórico para el. Histórico para Baños de Molgas. Histórico para toda a contorna. E ata pode ser histórico para o propio Huesca. Xa que aí nese seu primeiro gol foi onde o equipo oscense empezou a rexurdir dese letargo na clasificación no que se metera desde os primeiros partidos da Liga española.

Penso que será histórico polos séculos dos séculos que un rapaz de Baños de Molgas acadara xogar na primeira división e que chegara a marcar goles nesa categoría... á que non chega calquera. El non sei que pensaría nese momento. Pero un servidor, no 72´ 43´´, viu ó fillo do Villar e da Concha, ó neto do Inocencio e da Irene, cabecear na Pitediña, cabecear na Chaira, cabecear nas rúas e nas airas molguesas e cabecear incluso nas canchas de tenis. Sabemos que a memoria, ás veces, é efémera. Por iso escribo o que estou escribindo. Porque hai instantes na vida, por exemplo, no 72´ 43´´, do sábado 5 de xaneiro de 2019, nos que se para o mundo e unhas bágoas de emoción escorrentan por algunhas caras abaixo. Grazas, David.

Te puede interesar