A Baia Branca

Tempo de que un piollo se meta pola maraña duns pensamentos que van e veñen entre a terra e o mar, entre o mar e a terra. Tempo de analizar, ou mellor dito, de debuxar unha bata branca; a cor inmaculada. Como ela. Como a palabra que se di, que se entende, que se explica. A bata branca que vai camiño de historias que doen, de sorrisos que sofren, de vidas que se amosan coitadiñas ante a esperanza. Tempo de que un “tolete” se meta por entre os versos dun poema ou por entre os capítulos dunha novela. Tempo de coller dúas pedriñas e debuxar nelas nomes con cualificativos cariñosos. Despois todo consiste en adornar un soño que vai máis alá  do infinito ou máis alá de Fisterra. Detrás de cada epíteto está a bata branca que mira, sorrí e fala. Fala con palabras de orballo para completar unhas frases que enchen o baleiro dun sentimento. Sempre haberá historias coas que soñar. Sempre haberá ondas que van e veñen polo mar. Ese mar que calma. Ese mar que arrodea á bata branca de pura poesía. Tempo no que un alento vai metido no peto esquerdo da bata branca á altura do corazón. Despois xa todo é un desexo que viaxa en avión ata un lugar de fantasía, de fábula. A bata branca brilla, reloce na miña memoria.