Opinión

A mellor manifestación

Xa hai moito tempo que as campañas electorais fanse eternas e son eternas. Duran sempre. Porque os políticos prometen continuamente cousas que logo nunca cumpren. Pero a auténtica maquinaria electoral adoita ser tan axiña como se anuncian certas eleccións. O venres deuse o punteirazo de saída para as xenerais no noso país. Será o 28 de abril. Ese día teremos a opción de menos manifestacións e máis sentidiño. A mellor manifestación é o voto útil. E digo útil. Con sentidiño. Aínda que, claro, seguiremos tropezando coa mesma pedra. Votamos ós que votamos e, logo, concentrámonos. Con todo o dereito do mundo, pero... repito, mellor manifestarse diante dunhas urnas, e non despois nas rúas. Que a estas alturas da nosa democracia xa deberiamos saber a quen hai que votar realmente. E se alguén ten dúbidas que vaia ós mitins, pero co subconsciente dicindo que todo o que vai escoitar é mentira. Eu non penso ir a ningún mitin. Porque xa sei a quen vou botar. Tamén sei que mentirán, pero menos cós outros, porque hai mentiras e mentiras. Tampouco penso ir a ningunha manifestación, porque, se se celebra algunha será, por suposto, por nosa culpa. Moito sentidiño, por favor.

O que non ten sentidiño ningún é o Donald Trump. Segue dálle que dálle co muro. E ata eu penso que o vai conseguir. Porque está veña que dálle e acabará aburrindo ós seus compatriotas ata o punto de que lle darán carta branca. Con tal de  non oílo.

Sentidiño tamén deberían ter os donos das autoestradas da nosa Comunidade. Pero non o teñen. Ata para eles Galicia é o cu do mundo. Seica en diversas Autonomías hai rebaixas de peaxes menos neste lugar onde as costas perden o seu honesto nome, ou sexa, na nosa comunidade. O de ser os últimos monos, iso xa queda desfasado. É moito peor ser o cu do mundo. Somos o cu do mundo. E para corroborar a definición presentámonos ante as urnas e votamos como votamos. Ó mellor este ano, con novos partidos e novos políticos, cambia a cousa, imaxinamos. É un dicir, digo eu.

Do xuízo político ós presos políticos cataláns non falo. Que molesto. E deus me libre de molestar alguén! Co bo home que son. Co sentidiño que teño.

Te puede interesar