Opinión

A memoria é eterna

Dime, memoria, quen es ti para asomar nos meus soños? Ou para alporizar, para perturbar os meus pensamentos? Se digo que vou, ó mellor é porque busquei no recanto infantil aquel soño no que ía e volvía entre o día e a noite, entre o outeiro e a fervenza, entre o chiscar dun ollo e o sorriso duns beizos. Se digo que fun, ó mellor é porque algún día sentei á beira dun palleiro, ou dentro dun canastro, ou na copa dun castiñeiro. Dime, memoria, que demo estou facendo? Buscando lugares? Procurando momentos? Sentindo latexos? Ai que vou e non podo ir! Ai que estou e quero marchar! Nada vexo entre as sabas inmaculadas dunha alma que rebenta por unhas ansiedades claras. Nada sinto no cuarto escuro dun silencio que non fai ruído. Tremen entón as ansias de querer sentir e non ter. Sinto que o sentimento vai e vén por entre os regatos dunha vida que foi. Teño un anhelo enorme por querer saber se o salouco dun peito que sobe e baixa é real ou é unha utopía. Dime, memoria, por que te debuxo en cada páxina en branco se, despois, ninguén te quere entender? Hai sentimentos que están aí, que estiveron sempre aí para que un día se espallen co vento. Pero a memoria é eterna, perenne, infinita.

Te puede interesar