Opinión

A pomposidade dun soño

Pois si. Resulta que a pomposidade dun soño consiste en non crer o que soñaches. Ou crelo. Son tan complicados os soños! Poden ser coma bolboretas por entre as flores dunha lameira ou poden ser pesadelos por entre os toxos dun tormento. Non sei que che diga. Ás veces ata é mellor durmir cos ollos abertos ou navegar polo universo con eles pechos. Quen máis quen menos quere vivir baixo a tutela duns recordos, aínda que sexan recordos incertos. Hai quen quere cruzar o mar para ir moito máis alá dun sentimento. E hai quen queda en silencio remoendo a soidade dun espectro. Así é que non queda outra que maquillar o instante, o momento, o tempo. Porque resulta que a pomposidade dun soño debuxa ás camisetas de tirantes campando sobre un corpo que fai emocionar o ritmo dun latexo. Que arrevesado é un soño! Pero non é un soño calquera. É ese que busca o niño dunha rula para aloumiñalo cun suspiro e catro bicos. Pois si hai soños que deixan os folgos cheos de felicidade, cheos de ventura e un pouco chispos. Porque hai borracheiras de alegría que non che queda outra que bailar sobre o sorriso dun alento que viaxa desde os confíns do universo. Do seu universo. Do teu universo.

Te puede interesar