Opinión

A Venecia ourensá

Arestora non chove. Pero choveu. E seguirá chovendo. Estamos no tempo. Iso din. É certo, estamos no tempo. Se non chove no inverno en Galicia, non sería Galicia. Choveu sobre o Dacia Sandero que estaba aparcado no cruce das Lagoas, en Baños de Molgas, e sobre as follas dos amieiros que hai na presa da Porfía. Choveu tamén sobre Entreloríos e sobre a Pitediña. Agora mesmo imaxino que xa non hai burga. Para os que non son do meu lugar de nacemento direilles que iso significa que o río Arnoia alaga a burga, non que desapareza a burga. Acabo de publicar que a burga é eterna, que tan só secou durante un par de minutos de cando o terremoto de Lisboa. Agora mesmo, ou mañá, ou pasado, Baños de Molgas si pode ser a Venecia ourensá. Se é que segue a chover. Que parece ser que si. Se é que baixa toda a neve da serra de San Mamede. Que terá que baixar. Entón, xusto no Parque Ansuíña ou, máis en concreto, xusto na ponte nova fórmase tal embude que as augas dos ríos Sor, Tioira e Arnoia non lles queda outra que expandirse pola Ansuíña, polos Campos, polas Lamas, polas Mestras, pola Pitediña, incluso polos Poulos e por Entreloríos. Xa está: a Venecia ourensá.

Te puede interesar