Opinión

A vivir que son dous días!

Non sei nada do verso escrito que se pasea polo poema sen título. Non sei nada do que anda para adianta nin do que vai para atrás. Só sei que a vida pasa. Que o vento pasa. Que o tempo non se detén. Ou como dicía aquel: todo pasa e esvaece, soamente ti, recordo, te eternizas. Non sei nada do chiscar de ollo cando a lúa se amosa na súa fase chea. Desde sempre, a lúa sorrime e chíscame o ollo esquerdo. Non sei nada dos recordos que viaxan ata o infinito e máis alá. Normal, foron tan lonxe que non conseguen regresar e xa me esquezo deles. É unha tristura moi grande esquecer os recordos. É case como non lembrarme do asubío que lle lanzaba ó meu Uriarte nas mañás do monte Medo ou nas tardes do monte de Pinouzos. Non sei nada desa xustiza que actúa coma eses cochiños teledirixidos. Hoxe está teledirixida polo interese duns cantos tan só. Non sei nada do parágrafo que enche unha páxina sen contar nada. Só sei que a miña vida é unha novela na que non hai capítulos e na que, hoxe, aínda non hai punto final. Só sei que cando miro o título sorrío e na solapa escribo: a vivir que son dous días! Ou como dicía outro máis: só sei que non sei nada.

Te puede interesar