Opinión

Aposta persoal

"Chicago” foi a primeira obra que Martin Richards puxo sobre as táboas de Broadway. O musical acabou por converterse nunha especie de aposta persoal. Ata o punto de ser unha das fontes de desvelos profesionais durante case tres décadas. O produtor, que ganou máis de 40 Tonys e un Oscar pola adaptación que realizou de “Chicago” para o celuloide chamábase en realidade Morton Richard Klein e nacera no Bronx en 1932. O seu pai era corredor de bolsa e a súa nai ama de casa. Foi compañeiro de clase do director Stanley Kubrick no instituto e o seu primeiro contacto co mundo artístico realizouno nada menos que en Broadway en 1944, cando apareceu na comedia musical “Mexican Hayride” de Cole Porter. Sendo xa adulto empezou a ganar a vida cantando en cafés co nome artístico de Martin Richards.

En 1975 decidiu producir o que podería ser unha historia arriscada: unha sátira negra, en formato musical, sobre dúas mulleres que, tras matar a un home, acaban cos seus ósos no corredor da morte, con música de John Kander e letra de Fred Ebb. Tratábase de “Chicago”, unha obra de Bob Fosse cuxa versión primixenia mantívose en cartel durante anos.

Aparte da presión de estrear en Broadway, Richard tivo que facer fronte a un grave contratempo: a obra pospúxose porque Fosse sufriu un ataque ó corazón. Richards, lonxe de verse superado polas circunstancias, contratou persoal de forma temporal pero coa suficiente cualificación para sacar adiante a obra.

Tras o éxito de “Chicago”, as estreas de Richards en Broadway e os galardóns sucedéronse na vida do produtor. E antes do éxito de “Chicago” no cine en 2002, Richards producira filmes da talla de “O resplandor” (1980)  ou “Distrito Apache” (1981), unha de policías na que interviña Paul Newman e cuxa dirección estivo a cargo de Daniel Petrie. Martin Richards morreu o 26 de novembro de 2012 ós 80 anos na súa casa de Manhattan.

Te puede interesar