Opinión

Aproveitando aquel silencio

A febre pola lectura tívena sempre. E moita xente sábeo ben. Pero o que quizais non saiban é que houbo unha época, principalmente na mocidade, que buscaba lugares inverosímiles para ler sen que ninguén me molestase. Hai libros ou lecturas que merecen moita concentración. Sendo rapaz cheguei a fuxir dos amigos cando iamos para o monte coas vacas: se eles collían para o monte de Pinouzos, eu seguía cara ó Medo, ou cara ás fincas propias ou arrendadas. O caso era andar só. Pero tiven unha etapa na que cheguei a largar para o cemiterio. Como o digo! Porque aí non me molestaba ninguén. Silencio completo, total. Algún grallar dalgunha pega e nada máis. Si, é verdade que a alguén lle poida semellar algo macabro isto. Pero, por que? Eu sentaba no borde dun nicho, non molestaba a ninguén e os mortos tampouco me molestaban a min. No cemiterio respecto, pero nunca medo. É máis, ata creo que eles saían tamén ganando. Porque, quéirase que non, algún recordo sobre eles sempre asomaba á miña cabeza. Ás veces o ruído da casa ou da rúa era molesto para os titulares dos periódicos ou para os parágrafos dos libros. Como non ía entón aproveitar aquel silencio!

Te puede interesar