Opinión

As viaxes galácticas

Esta noite ás dez cantan os grilos e os catro astronautas do planeta Inocencia despegarán para poder chegar á Terra coa caída da folla. Coa caída da folla do ano 2123. Porque o planeta Inocencia non está á volta da esquina; está incluso moito máis alá do universo. E sabemos que hai distancias que son infinitas. Ou case infinitas. Os astronautas (que os catro eran fillos do Galáctico) marcharan para o planeta Inocencia na sementeira das patacas do ano 1915.

Libraron da Guerra Civil Española, das Guerras Mundiais e da ditadura de Franco; que xa é moito librar. Chegaron ó planeta que está moito máis alá do universo e tan só puideron espetar a bandeira galega porque tiñan orde de volver. Así adoitan ser as viaxes galácticas, principalmente as que van máis alá das estrelas coñecidas e por coñecer. Os fillos do Galáctico eran galegos, porque o Galáctico era de Chaodarcas. E a súa muller, de Cachamuíña. Para que vexades. Algúns ó mellor podiades pensar que eran doutro planeta, doutra galaxia... por iso do alcume. Pero non, o alcume creo que lle viña xa do seu tataravó, que alá el porque se deixou chamar así. Esta noite ás dez uns astronautas ata poden escoitar os cantos dos grilos. Sabemos que no universo impera o silencio.

Te puede interesar