O asunto vai de "grandes animais"

O asunto vai de "grandes animais"

Unha vez máis teño que adiantar un día a escritura deste Recuncho (adoito escribilo ós sábados) porque mañá toca sulfatar durante todo o día, polo que, á noitiña, cando chegue á casa, non estarei para sandangas, para gaitas. Por estar nin tan sequera estarei con moitas ganas de ler o xornal cando me deteña na Valenzá á volta da viña; pola canseira e porque, a esas horas, a verdade é que xa non apetece moito ler as novas con que lumbrigaron o amencer. Claro que, por un día, non creo que pase nada excepcional para poder arrepentirme de non falar do futuro suceso ou feito. A maiores de que sempre teño a opción dos Pingas de Orballo. Se pasa algo, teño para dar e tomar.

De calquera maneira, penso que aínda que o escribira mañá, ía falar do que xa tiña planeado no día de hoxe. Resulta que na Patagonia arxentina atoparon, por agora, o maior animal que pisou a terra. Un saurópodo de 40 metros de longo. Entendo perfectamente que vivira na Patagonia, co inmensa que é. Aquí en Galicia tería problemas para meterse na maioría das fincas. Xa quixeran algunhas ter 40 metros. Por exemplo, en Baños de Molgas podía ter a cabeza moi perfectamente nas Cortiñas e o rabo nos Xeixales, ou o rabo nos Poulos e a cabeza nas Lagoas. Atoparíase co problema, iso si, dos muros e valados, que na nosa terra hai a esgalla, a darlle cun sacho. Claro que con esa envergadura non habería muro ou sebe que se lle resistira.

Agora mesmo caio na conta de que si pode acontecer algo extraordinario mañá: Corea do Norte e Trump andan a ver quen é o máis galo do galiñeiro; de tal maneira que case se pode dicir que temos unha guerra ás portas e nós, que marabilla, preocupados por Venezuela. Dous galos de pelexa lanzándose mensaxes nucleares que non me estrañaría que rebentara o mundo. Porque non se sabe cal é o mellor e máis bravucón, o máis animal. Que Deus nos acolla confesados.