Opinión

Atopar a esencia

Alguén ó mellor pode pensar que estou preocupado porque retrocedo ante o atranco que atopo no atallo que me leva ata o nacemento dunha esencia. Pero non hai por que avergonzarse por recuar. É mellor acuar que esnafrarse contra o espectro dun espírito maligno, por exemplo. Ás veces é necesario andar de recadén. Dar marcha atrás. Ben sabemos que ó ir sempre para adiante, chegará un momento en que a peguemos... a labazada, a gadoupada, o sopramocos. Que hai que arrodear para chegar á esencia? Que somos galegos, carallo!; arrodeamos o que faga falta porque temos todo o tempo do mundo. Non vou quedar a velas vir. Recúo e punto. Retrocedo. Dou media volta. Non pasa nada. Total, a esencia vai estar alí cando chegue. Sexa cinco minutos antes ou media hora despois. O atranco, teño que recoñecer que era grande... remataba o camiño. Así de simple e de imposible. Non quedaba outra que recuar, retroceder e buscar outro carreiro, outra congostra, outra verea, outra senda, outro traxecto. E que problema hai? Ningún! Que son galego, carallo, e tiro cara adiante! Sempre cara adiante! Aínda que despois haxa que recuar. Non pasa nada. Recuamos. O caso é atopar a esencia.

Te puede interesar