Opinión

Atrofiando o intelecto e o sentidiño

Sempre pensei que ó rematar a liga de fútbol ía descansar deste, pero resulta que me enganchei á selección sub 21. Manda truco en Baños de Molgas! Certo que axuda, e moito, o horario no que son os partidos... nas horas da cea, nas horas en que a viña tamén se bota a durmir ata o día seguinte. Despois tamén me atopo con que, peliculeiramente falando, as teles non proxectan nada especial. Así é que non queda outra que ver ese deporte de masas que seica atorda, seica atrofia o intelecto e o sentidiño. Iso din.

Pero, a ver!, o fútbol é coma os funcionarios: que moita mala fama, pero á hora da verdade todos acudimos a el, ou todos queremos ser como eles, coma os funcionarios ou coma os futbolistas. E non hai volta de folla. Agora non volve xogar España ata dentro dunha semana (por certo, a gran final da Eurocopa), pero anda por aí a Copa Confederacións que, como poida, tamén lle botarei unha ollada. Ó mellor atrófiome máis. Certo, defendo o fútbol, pero o día 1, coidadiño!, empeza o Tour. Outro que tal!

Te puede interesar