Opinión

O ave por Baños de Molgas en 1908

O AVE aínda non pasa por Baños de Molgas, aínda que poida que non tarde moito en facelo (xa veremos), pero o que a xente non sabe é que no mes de agosto de 1908 xa existía tal transporte desde Ourense a Baños de Molgas, pasando por Maceda. Non era en forma de tren, pero si de boas carruaxes, que cando son boas corren que nin o demo.

Resulta que a partir do 15 dese mes circulou un novo servizo de coches. Os donos da empresa non omitiron ningún sacrificio para proporcionarlle ós señores viaxeiros toda clase de comodidades, para o que mandaron construír carruaxes cómodos e elegantes ó mesmo tempo que adquirían gando inmellorable. É dicir, uns bos cabalos, ou burros, ou mulas; vai ti saber, naqueles anos.

Non contentos con ese AVE, durante a temporada oficial de baños, ou sexa, o verán, e cando as circunstancias o esixiron, estableceuse un dobre servizo e houbo coches á chegada do tren mixto (entendo que de Madrid ou do Padornelo para alá) á estación de Ourense para recoller ós viaxeiros que desexaron continuar viaxe ata a miña vila.

Que eran uns cantos, claro, porque as augas quentes (agora chamadas termais) de Baños de Molgas curaban ata ós mortos. É unha esaxeración, pero de algo hai que fardar. Digo eu.

Te puede interesar