Opinión

Bailar sobre a túa tumba

Quero bailar sobre a túa tumba e deixar que as pingas de orballo bañen os tremores da túa ollada. Desa ollada morta e baleira. Desa ollada que mira pero non ve. Quero bailar sobre a cabeceira da túa tumba e deixar que o abaneo dunha folla vaia e veña polas airas da túa adolescencia. Desa adolescencia morta e baleira. Desa adolescencia que quixeches vivir e non viviches. Quero bailar sobre os pés da túa tumba e deixar que unha cagada de mosca emborralle a inocencia do teu tempo. Desa inocencia morta e baleira. Desa inocencia que nunca tiveches. E  non vale que a túa vida estivese aquí e alá para contemplar a idiosincrasia dun soño. É moi difícil que os soños sexan unha realidade. Quero bailar sobre o espazo corporal da túa tumba e deixar que un salouco pouse na punta da cruz. Desa cruz que significa morte e baleiro. Desa cruz que levaches desde que a vida che deu dúas voltas e catro meneos. Quero bailar sobre túa tumba para que te sintas humano e para que eu me sinta vivo, para que te sintas útil e para que eu me sinta íntegro. Deixo de bailar sobre a túa tumba.

Te puede interesar