Baixo a sombra dun salgueiro

Baixo a sombra dun salgueiro

Ifixenio Nocedo aparcou diante do portelo da Lagoa de don Ramiro, reclinou un chisco o asento do seu coche e dispúxose a dar unha cabezada. A ver, eran as tres da tarde e sol caía sobre Entreloríos que daba medo poñerse a ler pola estrada dos Milagres, que é o que acostuma a facer Ifixenio cando a canícula non é tan forte. Así é que, que mellor que intentar soñar cos anxiños. Como semellaba soñar a rula que estaba nunha silveira a uns pasos do coche. O de soñar cos anxiños é un dicir, claro. Con iso só soñan os nenos. Certo que, algunhas veces (ou moitas) hai homes que son máis ca nenos. E moito coidadiño; non é o mesmo ser coma un neno ou sentirse coma un neno. Baixo este prisma de razoamento, Ifixenio Nocedo pechou os ollos baixo a sombra do salgueiro que hai á beira mesma do portelo e confiou en que ninguén o molestase. Non é que a circulación, tanto de persoas coma de vehículos, fose moita a esas horas, pero nunca se sabe. Só é cuestión de desexar algo, cando axiña eses desexos se poden alterar por un instante inadecuado. Por sorte, Ifixenio puido adurmiñarse uns dez minutos. Para el suficientes. Acendeu o coche, deixou o lameiro de don Ramiro fuxindo polo espello retrovisor, e nun dicir amén, entrou pola rúa do Naciente en Baños de Molgas